O BNG esixe a dimisión do goberno local do Carballiño polo convenio coa promotora dos parques eólicos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Bloque Nacionalista Galego do Carballiño, após ter coñecemento do engano cometido polo grupo de goberno PSOE-PP, que no pleno ordinario do 26 de xuño se comprometeu a defender á veciñanza fronte ás empresas promotoras dos parques eólicos, mais que, en realidade, negociou ás nosas costas con esas mesmas empresas— considera que deben dimitir. “Un goberno que mente, que actúa con escurantismo e que traizoa os compromisos adquiridos públicamente non pode continuar á fronte do Concello do Carballiño. Non valen escusas nin se pode apelar ao descoñecemento: a ignorancia non exime de responsabilidade”, apuntan dende a formación nacionalista. “A veciñanza do Carballiño merece un goberno transparente, competente e honesto. Por iso, esiximos a dimisión inmediata da
actual equipa de goberno”, conclúen.

Dende o goberno local subliñan que “o documento asinado polo Concello coa promotora dos parques eólicos só é un convenio tipo que non é definitivo, e non contradí a postura tomada a nivel institucional de opoñerse e presentar alegacións a estes proxectos, que afectan á veciñanza do Carballiño polo paso das liñas de alta tensión de evacuación de enerxía das instalacións eólicas”. As mesmas fontes engaden que “non houbo ningún tipo de ocultación nen oscurantismo como din os grupos políticos da oposición”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------