O BNG denuncia o descoñecemento e discriminación dos autónomos de Ourense nas axudas convocadas pola Xunta de Galiza para paliar os efectos da suba de prezos.

Iago Tabarés pon en evidencia un emprego ineficaz dos recursos públicos así coma un total e absoluto descoñecemento da realidade do emprego autónomo na provincia de Ourense por parte da Xunta de Galiza.

Ourense, 11 de xaneiro de 2023.  O deputado do BNG no parlamento de Galiza, Iago Tabarés, ven de rexistrar no Parlamento galego diversas iniciativas encamiñadas a por de manifesto e demandar a rectificación da discriminación cara os autónomos, e os ourensáns en particular, na convocatoria pública de axudas para o ano 2023 do programa denominado Impacto Autónomo, dirixido a minimizar o impacto da suba dos custos das materias primas e subministracións nas persoas autónomas e microempresas

AVANTAR ACTIVIDADES

“Desde o BNG consideramos que tal convocatoria discrimina ás traballadoras máis afectadas e particularmente as de Ourense”. Pois criterio de concesión das axudas é unicamente a orde de presentación das solicitudes, que obrigatoriamente haberá de facerse por medios electrónicos, o que limita o acceso ás mesmas aos autónomos con maior dificultade no manexo das novas tecnoloxías ou peor conexión a internet, o que atinxe principalmente ao rural ourensán, sinalou Tabarés.

É por tanto a conexión a internet ou capacidade para contratar quen xestiona a solicitude o que determinará a concesión dunha axuda que con carácter xeral será de 800€.

Tal e como recollen os estudos do IGE, Ourense é a provincia cunha porcentaxe inferior de fogares con conexión a internet, máis de 8 puntos por baixo da media nacional, existindo comarcas nas que a diferencia mesmo chega a duplicarse.

 Por outra banda, afirma o deputado nacionalista, resulta inaceptábel que o prazo se iniciase ás doce da noite do domingo cando é ben sabido que ía esgotarse o orzamento ás poucas horas, é dicir, de madrugada. “Por se fose pouco, as traballadoras autónomas que durante este ano sufriron con máis crudeza a suba de prezos resultan excluídas ao esixirse uns beneficios mínimos de 10.000€ para poder aspirar ás axudas.” 

Xa que logo e dado o procedemento imposto pola Xunta de Galiza a obtención das axudas dependerá non tanto do proxecto ou necesidade, senón da conexión a internet, da estrutura organizativa ou das posibilidades de contratalas externamente, algo que non resulta coherente co obxectivo teórico da convocatoria.

“Desde o BNG agardamos que a Xunta explique este novo episodio de xestión de recursos públicos pouco eficaz e pouco transparente e que rectifique este sistema claramente perxudicial para os traballadores e traballaoras autónomas de Ourense “