O templo parroquial da Veracruz de San Cibrao do Carballiño é, dende hoxe e ata o 17 de setembro de 2027, centro de peregrinacións con motivo da declaración de Ano Xubilar por parte do Vaticano, que se fixo oficial coa apertura da ‘Porta Santa’ do templo, cuxa inauguración cumple 75 anos na devandita data. Ademais, tamén se conmemora o 125º aniversario da chegada do ‘lignum crucis’, a reliquia da Santa Cruz que dá nome ao templo.
Os actos abríronse pola mañá cun repenique de campás anunciando o Xubileu. Os minutos previos ao comezo da procesión estiveron marcados por un recordo especial ás vítimas do grave accidente ferroviario que tivo lugar esta semana en Toledo, cun toque de duelo na súa memoria por parte dos campaneros presentes e o canto do Ave María a cargo de Maite López e unha oración.
A continuación, partíu do Asilo do Carballiño a procesión coa reliquia da Vera Cruz baixo palio, acompañada pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e polas autoridades locais e autonómicas presentes, seguindo un itinerario que rematou baixo a torre da igrexa da Veracruz, onde o bispo da Diócese, monseñor Leonardo Lemos procedeu a apertura da Porta Santa, coa proclamación do Evanxeo e a intervención da Schola Cantorum do Seminario Maior Divino Mestre de Ourense.
Unha vez no interior, oficiouse unha misa solemne de exaltación da Santa Cruz, presidida por Leonardo Lemos e, ao seu remate, deuse lectura ao Decreto do Ano Xubilar a cargo de Rosario Gil Blanco, vicecanciller do Bispado de Ourense, continuando o programa coa veneración da reliquia da Santa Cruz do Señor por parte dos fieis presentes. As agrupacions polifónicas Orfeón do Carballiño, Coral do Casino e Música Viva armonizaron o oficio relixoso.
Este Ano Xubilar supón unha ocasión de graza para toda a Diócese de Ourense e, en particular, para a vila do Arenteiro, podendo lograr as indulxencias plenarias quen peregrine ao templo da Veracruz cumprindo os requisitos establecidos para elo.
















