O delegado territorial da Xunta en Ourense presenta o espectáculo de circo, maxia e danza ‘Inventio’

  • Gabriel Alén explicou que esta proposta escénica de gran formato conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do programa Xacobeo 21-22, e está concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Auditorio Municipal ourensán entre o venres 2 e o sábado 3 de decembro
  • Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com
  • A proposta escénica conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas

Ourense, 28 de novembro de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou esta mañá no Auditorio Municipal o espectáculo Inventio; unha iniciativa promovida por Thinking Up Events, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do programa Xacobeo 21-22, a Fundación “la Caixa”, e a colaboración de Sargadelos.

O delegado territorial explicou que esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Auditorio Municipal ourensán entre o venres 2 e o sábado 3 de decembro. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén sinalou que Inventio, é un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos.

Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade que visitará un total de 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023.

O espectáculo

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.

A historia

Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.