O subdelegado do Goberno en Ourense informa da colaboración da UME nas tarefas de extinción do incendio que afecta aos concellos de Cualedro e Monterrei

Emilio González desprazouse na tarde de onte ata o Posto de Mando Avanzado para realizar o seguimento dos traballos de extinción e de desaloxo de vivendas

O MITECO despregou durante a xornada do mércores medios aéreos e terrestres para apoiar as tarefas de extinción deste incendio

AVANTAR ACTIVIDADES

 A Dirección Xeral de Protección Civil do Ministerio do Interior, en coordinación co Ministerio de Defensa, activou na tarde do mércores 29 de xullo a mobilización da Unidade Militar de Emerxencias (UME) a petición da Xunta de Galicia para sumar os seus recursos humanos e técnicos aos traballos de extinción do incendio iniciado na localidade de San Millán (Cualedro) e que afecta aos concellos de Cualedro e Monterrei.

A Delegación do Goberno en Galicia foi a encargada de cursar a petición da Xunta de Galicia para proceder á activación da UME.

Dende a tarde de onte desprazáronse ata a zona 170 efectivos do Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias (BIEM V) e 57 vehículos, entre os que se atopan seis autobombas, un camión nodriza, unha máquina Dozer 5, un camión cisterna, así como vehículos de transporte e apoio.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, desprazouse na tarde de onte ata o Posto de Mando Avanzado para seguir os traballos de extinción e de desaloxo de vivendas, apoiando a coordinación do dispositivo coa Xunta de Galicia. A Presidencia do Goberno, a través do subdelegado, transmitiu a súa preocupación por este incendio, ofrecendo toda a colaboración e o compromiso do Goberno de España para a loita contra os incendios.

Debido á proximidade do incendio na localidade de San Cristovo (Monterrei) foi preciso desaloxar dos seus domicilios cara as 18:00 horas a unhas 60 persoas, regresando aos mesmos cando cesou o perigo.

Emilio González realizou un chamamento á cidadanía para extremar as precaucións  nestas condicións climatolóxicas e minimizar o risco de propagación de incendios forestais na provincia de Ourense, así como para colaborar nas investigacións para determinar a autoría dos lumes.

MEDIOS AÉREOS E TERRESTRES DESPREGADOS POLO MITECO

Á mobilización da Unidade Militar de Emerxencias hai que sumar os medios despregados ao longo da xornada de onte, mércores 29 de xullo, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para apoiar nas tarefas de extinción deste incendio.

Ao longo da tarde de onte o MITECO desprazou unha Brigada de Especialistas en Extinción (BRIF) con dous helicópteros de transporte e descarga de 1.200 litros de capacidade dende a base de Laza e outra BRIF procedente de Tabuyo del Monte (León); catro avións anfibios procedentes das bases de Labacolla (A Coruña), Torrejón (Madrid) e Matacán (Salamanca); un helicóptero bombardeiro, cunha capacidade de 4.500 litros, que voou dende Ibias (Asturias); un avión de coordinación e observación (ACO), utilizado en tarefas de vixilancia, transmisión de imaxes e observación do incendio, que viaxou dende o aeroporto de León; e un avión de carga en terra cunha capacidade de 4.500 litros provinte da base de Xinzo de Limia.