Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda
Ícaro entrou na historia da mitoloxía grega por desobedecer as advertencias do seu pai, Dédalo, perdendo así a vida pola súa pertinaz rebeldía. El e seu pai atopábanse prisioneiros do rei Minos na illa de Creta. As ansias de liberdade estimularon o enxeño do seu pai para atopar estratexias de como poder saír daquela illa potentemente vixiada por terra e por mar. Dédalo ideou fabricar unhas ás con plumas pegadas con cera para voar, pois era a única forma de saír da illa. El coñecía perfectamente aquela illa porque, como arquitecto, xa construíra o labirinto de Creta no que Minos encerrara ao monstro Minotauro. Despois de moitas prácticas de voo, Dédalo aconsellou a Ícaro que non voase demasiado alto porque o sol podía derreter a cera das ás. Non obstante, Ícaro, embriagado polo poder do voo e o sentido de liberdade que este lle outorgaba, decidiu desafiar os límites impostos polo seu pai. Voou moi alto, preto do sol, provocando que a cera das súas ás se derretese e as súas plumas se despegasen. Ícaro axitou os seus brazos ante o perigo que o atenazaba, pero aquelas plumas xa desapareceran, e iso provocoulle o esborralle e a caída ao mar onde faleceu.
Os mitos sempre proporcionan oportunas metáforas para explicar os máis diversos aspectos da vida e da condición humana, en calquera lugar ou época da historia da humanidade. Por iso son intemporais. Neste caso, trato de utilizalo como pertinente paradigma da democracia e das súas connotacións políticas e sociolóxicas.
A democracia, como a liberdade á que aspiraban Ícaro e o seu pai, é unha esixencia prioritaria nas sociedades occidentais. Pero esixe esforzo e tenacidade. Por iso a súa implantación social é consecuencia dun traballo laborioso e constante en prol dun desexo compartido. Non obstante, o pracer de gozar da democracia ten certas esixencias, como son o respecto aos seus principios fundamentais e o cumprimento das normas que os sustentan. Infrinxir tales fundamentos ou incumprir as súas normas pode poñer en perigo esa forma de goberno e desembocar noutros modelos políticos non desexados.
Dédalo aconsellou a Ícaro non voar demasiado alto para que a cera das súas ás non se derretese. En cambio, Ícaro desobedeceu e perdeu a súa vida. A democracia dispón dos seus propios principios e ofrece normas e pautas de conduta que deben utilizarse na súa praxe diaria. Actuar á marxe de tales fundamentos ou eludir as súas normas deteriora e dana a esencia da democracia con alto risco de destruíla.
As orixes da democracia
A democracia xurdiu como sistema político no século V a. C. na Atenas de Pericles e permaneceu vixente durante o século IV. Logo, desapareceu durante vinte e dous séculos ata que reapareceu de novo no século XVIII con importantes novidades respecto á orixinal.
A democracia ateniense era un sistema político onde non existía separación de poderes, non había garantías individuais nin incluía a toda a sociedade, pois as mulleres, os escravos e os metecos (estranxeiros) non podían participar nos asuntos políticos. Sería no século XVIII cando o barón de Montesquieu (1689-1755) reivindicou a separación de poderes, que logo se plasmou na constitución americana, e a Revolución francesa propuxo incorporar os dereitos individuais e o respecto ás liberdades das persoas. Na democracia ateniense a asemblea popular era directa, non representativa, aínda que se manifestaba moi rigorosa en esixir a igualdade ante a lei (isonomía) para todos os cidadáns, así como que todos estes tivesen as mesmas posibilidades de ocupar cargos públicos. Os cargos políticos, os xuíces e os membros do Consello eran elixidos por sorteo, pois crían que o azar era a mellor forma de elección.
Montesquieu, na súa obra O espírito das leis (1748), argumentou que os poderes lexislativo, executivo e xudicial deben ser independentes para evitar abusos e garantir a liberdade política. Montesquieu está considerado o gran referente nos sistemas democráticos coa súa aposta de que cada poder controle e limite aos outros, establecendo así un equilibrio como base do Estado de Dereito. Porén, as democracias modernas, impulsadas por ideais de igualdade e xustiza, tratan de elevar a humanidade cara a ideais utópicos de absoluta liberdade, ás veces excedendo os límites das súas estruturas fundacionais, para, como Ícaro, achegarse á calor abrasadora dos populismos autoritarios, á polarización social, á corrupción e ao dominio de intereses corporativos estratexicamente camuflados. Estas desviacións debilitan os fundamentos e poñen en risco as ás democráticas. A pregunta é se poderán reconstruír as súas ás antes de caer ao abismo.
Crise actual da democracia
A democracia é un sistema político que se enalteceu como a culminación da organización social e o piar das sociedades modernas; con todo, non está exenta de moitas vulnerabilidades. Aínda que se presenta como un ideal de xustiza, igualdade e participación, os seus fundamentos a miúdo descansan sobre bases demasiado fráxiles.
No seu libro Filosofía política, Mario Bunge propón a “democracia integral” como alternativa ao capitalismo en crise e ao socialismo fallido. Esta democracia abarca dimensións como a política, a economía, a cultura, a bioloxía e o medioambiente. Busca igualdade no acceso a recursos naturais, oportunidades económicas e culturais, igualdade de etnia e de xénero, e participación popular na xestión de bens comúns. Pero Bunge critica a democracia parcial por ser inxusta e insostible, reivindicando un sistema que maximice valores como a seguridade, a igualdade e a solidariedade mediante un enfoque ético e científico.
Son moitos os expertos políticos, os comentaristas públicos e os teóricos críticos que coinciden en que a democracia está a pasar por unha incuestionable crise e en que as democracias actuais necesitan unha reforma urxente e profunda. A gravidade dos seus diagnósticos aumenta en vista dos acontecementos recentes, especialmente co auxe dos movementos populistas -de esquerdas e de dereitas- que permanentemente desafían ás elites políticas que lideran a política actual no mundo. A aparición de líderes populistas fortes, a tendencia ao autoritarismo, o declive da hexemonía da economía financeira globalizada a favor dun proteccionismo económico e a política polarizadora e excluínte, tan exclusiva e hostil, fan soar as alarmas para o futuro da democracia. Estas ameazas, absolutamente reais, reflicten un voo demasiado alto e perigoso en busca de solucións autoritarias, ou mesmo simplistas, que ignoran os riscos inherentes.
Tanto en Europa como en América, as democracias están a sufrir unha transformación moi perigosa camiño a populismos nefastos e a ditaduras indesexables. A sociedade empeza a cuestionar aos organismos institucionais e ás disposicións procesuais existentes, que son as que deberían garantir o bo funcionamento das democracias modernas. E hai consenso dabondo en que o que está en xogo nestes momentos é o futuro da democracia como un réxime político viable. A desconfianza nas institucións, o enfraquecemento do poder público fronte a intereses corporativos e a concentración no poder executivo do resto de poderes son sinais de advertencia similares ás dadas por Dédalo ao seu fillo Ícaro. O mito de Ícaro, co seu voo ambicioso desafiando os límites impostos polo seu pai Dédalo, é unha oportuna metáfora para reflexionar sobre a crise actual da democracia, pois moitas das democracias ignoran estes límites ao elevarse cara a un exceso de poder concentrado en líderes carismáticos, mentres outras caen na apatía cidadá e o desinterese político. Ambos extremos erosionan as bases do sistema democrático.
Neste contexto, Ícaro representa ás democracias contemporáneas que, impulsadas por ideais de progreso e liberdade, achegáronse perigosamente ao sol do populismo, da polarización e do autoritarismo. E a caída de Ícaro lémbranos que a arrogancia e a falta de autocrítica poden levar ao colapso nas democracias occidentais. Nun mundo onde as institucións se enfrontan a consistentes desafíos como a desinformación, o enfraquecemento do Estado de dereito e as desigualdades sociais, o mito ínstanos a reformularnos como reconstruír democracias máis resilientes e equilibradas antes de que se derretan as súas fráxiles ás.
A crise de valores como xustificación do desgaste democrático
Se analizamos a situación da sociedade actual, descubrimos vivir nun mundo moral en decadencia onde os valores están a mercé das circunstancias e desconectados absolutamente de fundamentos sólidos. A ética converteuse nunha materia desconectada da economía, da historia e da política, pero esa ausencia ética nas relacións sociais prexudica a convivencia impedíndonos comprender a esencia dos problemas morais que enfrontamos como sociedade. Esta sociedade, a xuízo do filósofo escocés Alasdair Chalmers MacIntyre, “presenta un panorama ético onde os xuízos morais se reduciron a meras opinións persoais”.
Como cidadáns, libres e autónomos, debemos reivindicar un marco ético que nos permita sopesar e avaliar argumentos morais de maneira sistemática e coherente, sobre todo nos asuntos políticos que nos afectan. Sen este terreo compartido, os debates convértense en interlocucións irrelevantes xa que, obsesionados co ego, cada quen fala desde a súa propia perspectiva moral incapaz de comprender os argumentos do outro. Iso ocorre habitualmente cos partidos políticos en España, que funcionan instalados na súa fronte excluínte.
Ademais, comprobamos como nesta sociedade tan polarizada e disonante se banalizan os valores tradicionais e se aplauden como desafíos progresistas a desvergoña, a provocación e a procacidade, que son procreadas pola ignorancia e concebidas no catre dunha liberdade prostituída, pero cunha prolífica descendencia de pailáns, palurdos e zafios.
Platón tiña unha visión crítica da democracia, considerándoa un sistema inestable e propenso á manipulación por demagogos. Na súa obra A República, argumentaba que a democracia daba poder á multitude, guiada por paixóns e intereses propios, o que podía derivar en caos e tiranía. Propuxo un modelo alternativo baseado en filósofos-reis, quen, grazas ao seu coñecemento e virtude, poderían gobernar con xustiza e en beneficio do ben común. Ademais, vía a falta de educación e sabedoría do pobo como un obstáculo para decisións racionais.
Creo que estamos nun momento crucial no que esta sociedade sente a falta dun horizonte moral compartido. E que mellor oportunidade que aceptar o reto kantiano de atrevernos a pensar (audere sape) por nós mesmos para atopar alternativas provocadoras? Pensemos con Aristóteles que a procura dunha vida boa e virtuosa non é un proxecto individual, senón unha tarefa colectiva. Mentres a moral do liberalismo ve os dereitos como atributos de individuos illados, a filosofía aristotélica entende a xustiza como unha virtude que só pode desenvolverse no contexto dunha comunidade que comparte unha visión do ben común. Ese concepto do ben común, e non o partidista, debería ser o ideal político dunha democracia. Exemplo ilustrativo desa falta de perspectiva do ben común escribiuno en tinta negra a recente dana do Mediterráneo valenciano.
A crise da democracia é, pois, consecuencia de que vivimos un momento de crise de valores e de desintegración social. E esa crise atrapa letalmente á política.
A democracia en España
A Unión Europea emitiu recentemente un informe no que aparecen varios factores preocupantes que poñen en xaque o status de España como democracia plena. A crise da democracia en España vese reflectida en múltiples frontes, desde a corrupción e o abuso de poder ata a manipulación das institucións e a falta de transparencia na xestión pública. Esta crise multifacética pon en cuestión evidentemente a estabilidade e lexitimidade democráticas. De xeito evidente deixa ao descuberto as súas frouxas costuras mostrando a súa fraxilidade moral para caer na demagoxia por moito que tente crear unha falsa ilusión democrática. Baixo a súa aparente defensa deixa ao descuberto unha oligarquía populista e autoritaria. A situación actual require unha atención urxente para garantir a estabilidade e a integridade do sistema democrático no país.
Un trascendental problema que afecta á democracia española é o dominio partidista na política. Pero que curioso! Esa democracia tan reivindicada publicamente polos partidos políticos está totalmente ausente no seu funcionamento interno. Os asuntos que se debaten no parlamento afectan fundamentalmente á rivalidade dos propios partidos, mentres os problemas cidadáns axexan nos seus discursos como meras alusións e co único pretexto de xustificar ante a sociedade as súas confrontacións e duelos dialecticos. Esa actitude frontista arrastra a unha polarización que divide á sociedade en identidades excluíntes, dificultando o debate público e a convivencia democrática.
Unha vez que os partidos políticos logran acadar nas urnas os seus representantes, a misión destes vaise centrar na defensa sectaria e teimosa do propio grupo aplicando todo o seu esforzo lexislativo en defender as ideas do partido e, indirectamente, a si mesmos.
A democracia ateniense, que era directa e con todas as súas limitacións, defendía con tesón os intereses dos cidadáns, porque eran os seus propios intereses. Pero en España, os partidos políticos loitan prioritariamente polo seu liderado no país e pola súa supervivencia, deixando de lado os problemas e os intereses da cidadanía. Como puntos de lanza nesa loita política polo poder, colonizan as institucións crave como son o Tribunal Constitucional e o Consello Xeral do Poder Xudicial, debilitando así a separación de poderes e transformando o sistema nunha oligarquía seudodemocrática.
O poder lexislativo en España, ab initio, por principio constitucional, funciona como correa transmisora do poder executivo, porque este depende constitucionalmente daquel. Esa norma, na miña opinión, transporta intrinsecamente un grave problema democrático, xa que o poder lexislativo é quen elixe ao presidente do Goberno e, en consecuencia, quen soporta e nutre ao poder executivo. Dese modo, as leis que se aproban ou rexeitan no parlamento están promovidas na súa maioría polo poder executivo, que é quen marca as políticas do país. Ese modus operandi rompe completamente o principio democrático da separación de poderes.
Se a iso sumamos os diversos órganos xurisdicionais (Tribunal Constitucional, Consello Xeral do Poder Xudicial, Tribunal Supremo, Fiscal Xeral do Estado…) que dependen do Goberno e de partidos políticos, entendemos que os tres poderes se concentran nun só. Esa situación propicia o despotismo, a ditadura e a corrupción. Neste contexto, a sociedade mostra a súa desafección constante ante a falta de transparencia, os casos de corrupción, as promesas incumpridas, as sentenzas xudiciais sospeitosas, os privilexios xurídicos -amnistías, indultos, suplicatorios..- para condenas políticas… Unha última enquisa sociolóxica revela que un “80% de españois “cre que a Democracia é peor e hai menos unidade, igualdade e liberdade que no ano 2000”.
É imprescindible, pois, que o poder lexislativo cumpra a súa función e non sexa un apéndice do executivo, de igual modo que este á súa vez non actúe como como unha soa persoa apoiada por unha oligarquía. Sería moi alentador que os gobernantes e os políticos en xeral asumisen o sabio consello de Hannah Arendt, “retomar o concepto grego da polis como o espazo onde os individuos se manifestan ante os demais mediante os seus actos e palabras”. Sobre todo, harmonizando as palabras cos actos.
Así mesmo, o poder executivo utiliza a democracia para arrogarse ditames e decisións que non lle foron asignadas nas urnas. Arrógase os seus veredictos dando por sentadas unhas prerrogativas non concedidas previamente, pero tratan de extrapolar a lexítima representación que lle conferimos os votantes nas urnas a outras funcións que non estaban incluídas no propósito nin na intención dos votantes. Os cidadáns votamos políticas e propostas que compartimos coas ofertas programáticas que presentan os partidos nas súas campañas electorais. Mais ao comprobar que se incumpren esas promesas sentímonos profundamente decepcionados e frustrados por considerarnos enganados. Sobran casos de tales decepcións porque son popularmente coñecidos. E iso socava os fundamentos primordiais da democracia ata o punto de que esta pode falecer por arrogante irresponsabilidade, como lle pasou a Ícaro ao voar máis alá do permitido.
A mensaxe do mito de Ícaro deberíanos ensinar que as advertencias das institucións fidedignas, que o noso compromiso de pensar por nós mesmos (audere sape) e que as informacións das persoas ilustradas resultan incontestables para impedir que a democracia morra nas augas do populismo, na lapidación da autocracia ou na forca da ditadura.
Outros artigos de Avelino Muleiro:
Avelino Muleiro: “As Festas do Nadal e a súa rocambolesca evolución”
Avelino Muleiro: “Matar ao reiseñor”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (II)”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (I)”
Avelino Muleiro: ” A terapia da paciencia “
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (II)”
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (I)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (II)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (I)”
Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”
Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””
Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “
Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”“
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.