Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (II)”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na publicación anterior constatamos a circulación polo bulevar da cultura e pola verea do pensamento dunha reducida selección de teorías filosóficas e literarias sobre a felicidade, conducidas e lideradas por pensadores de prestixio incuestionable na egrexia e insigne tribuna da Historia. Despois de compulsar e confrontar esas teorías, deducimos a diverxencia existente entre elas, aínda que non hai ningunha na que non reluzan escintileos de verosimilitude a nivel antropolóxico e de coherencia lóxica. Mais a todas e a cada unha desas teorías debemos apartalas, por puro pragmatismo, do plano epistemolóxico para involucralas en cada caso real coa finalidade de saber se a felicidade das persoas consiste en dispoñer dos recursos que aporta cada teoría -sabedoría, pracer, impasibilidade, liberdade, dignidade, ilusión…- ou, fundamentalmente, nunha posición de sentirse feliz. É dicir, non enfocar a felicidade nos recursos que a poden provocar, senón na vivencia de sentir cada recurso como algo sumamente gratificante.

Ser feliz é sentirse feliz

Unha persoa é feliz cando é consciente de estarse aproximando ás cousas que valora, de comprobar que se está achegando ao ideal que se propón, ou mesmo de lograr o que se propoñía previamente, sexa o que for. Pódense dar as condicións para ser felices, pero no caso de non recoñecelas nin de sentirse a gusto gozando delas ninguén se pode considerar feliz. A amizade, a saúde, un novo achado científico, o pago dunha hipoteca, unha viaxe de lecer, o matrimonio… son circunstancias que estimulan a felicidade, pero se non se senten como tales para gozar de cada unha non hai felicidade. A felicidade non é unha simple abstracción, un mero concepto, senón unha emoción, unha vivencia subxectiva e persoal na que cada quen selecciona os ingredientes para confeccionar a propia receita da felicidade. 

O detonante dun momento de felicidade pode estar na situación máis insólita. Mesmo en fases vitais incompatibles. Hai etapas que nun momento provocaron vivencias e estouros dunha enorme felicidade pero, pasado o tempo, aquela felicidade renace no berce dunha situación completamente antagónica. Por exemplo, a voda soe xerar felicidade no matrimonio, porén anos máis tarde esa felicidade pode renacer no divorcio. O mesmo pode suceder coa felicidade que emerxe na compra dunha casa, aínda que máis tarde o que produce inmensa felicidade pode ser a súa venda.

En todo caso, a felicidade fabrícase, gózase e vívese en cada momento (carpe diem, aconsellaba Horacio). Por iso tamén, “en cada momento un é tan infeliz como cre” (Giacomo Leopardi). Desde unha perspectiva metafísica, a felicidade é unha propiedade específica do ser humano -inhíbome do debate da felicidade animal- pero non é un atributo necesario in actu, senón unha condición permanente in potentia. En mecánica cuántica é, simplemente, un estado cuántico.

A arribada da mecánica cuántica  

Fáltame información sobre posibles estudos que teñan establecido algunha relación entre a felicidade e a mecánica cuántica. Non obstante, sabendo que a realidade cuántica considera que a observación inflúe no estado das partículas, podemos intentar achar algunha conexión entre as nosas percepcións e as emocións consecuentes que moldean a nosa experiencia de felicidade. Intentemos, pois, argumentar que a felicidade pode ser vista como un estado cuántico, onde as interaccións psicofísicas e a conciencia xogan un papel relevante. Este enfoque invita a considerar a felicidade non só como un resultado definitivo, senón como un proceso dinámico influenciado polas nosas decisións e polos nosos pensamentos. Pretendámolo, xa que logo, conscientes de navegar na arriscada ondada desa docta ignorancia que describiu o físico Richard Phillips Feynman (1918-1988): “Creo que podo dicir con seguridade que ninguén entende a mecánica cuántica”.

Unha das primeiras revolucións da física cuántica foi abolir o paradigma analóxico para aportar, hai xa varias décadas, os fundamentos da transformación dixital, un achado excepcional sen o cal non podería funcionar actualmente de forma óptima a nosa sociedade. A gran aportación da física cuántica estriba na manipulación directa da materia utilizando procesos cuánticos como a superposición e o entrelazamento, recursos a través dos que se crean orixinais desenvolvementos técnicos para a computación, a comunicación e a detección, formando novas infraestruturas para a sociedade dun futuro inminente. Actualmente existen algunhas tecnoloxías cuánticas emerxentes cun gran impacto do seu potencial, como son a computación cuántica, os sensores cuánticos e a metroloxía cuántica. Estas tecnoloxías prometen avances disruptivos en ámbitos tan sensibles como a saúde, o medioambiente, o transporte, a seguridade, a bioloxía, etc. Así, no eido da saúde, a computación cuántica poderá deseñar tratamentos farmacolóxicos á medida do paciente e en menor tempo. Mellorará a precisión dos diagnósticos e o seguimento das enfermidades; permitirá crear algoritmos de Intelixencia Artificial máis avanzados que lles será posible atopar métodos de terapia máis eficientes, e incluso vai posibilitar a manipulación de órganos a nivel molecular de forma inocua.

            Estes achados teóricos e todos estes extraordinarios avances tecnolóxicos ao servizo da sociedade, serán tamén quen de regalarnos e de incrementarnos a felicidade? Seremos máis felices no futuro da man asistente e soberana da mecánica cuántica? É moi posible, pero empecemos por indagar como se pode incrustar a felicidade dentro da mecánica cuántica.

O impacto social e científico da mecánica cuántica

Foi Max Planck (1858-1947) o creador da física cuántica despois de utilizar os “cuantos de acción”, unha especie de pequenos paquetes de enerxía nos que se divide a luz, que funcionan de forma discreta, é dicir, con números enteiros (0 e 1). A partir daquela (ano 1900) iniciouse unha carreira por cuantizar toda a realidade, comezando polo mundo subatómico e rematando no mundo perceptible.

No ano 1924, o físico francés Louis de Brogli (1892-1987) defendía que a luz non é só un conxunto de partículas -fotóns-, senón que tamén se comporta como unha onda. Daquela, preguntábase por que os electróns, que sempre se trataban como partículas, non se tratan tamén como ondas? Esta idea foi apoiada por Einstein. Entón, Erwin Schrödinger (1887-1961) propuxo utilizar a natureza ondulatoria das partículas e formula unha teoría cuántica baseada nas ecuacións de onda. Nacía así a teoría ondulatoria de Schrödinger para a materia.

Respecto á nosa relación persoal co mundo, todo é mecánica cuántica. A mecánica cuántica é unha teoría que se acabou de construír hai noventa e sete anos e, na opinión de eminentes físicos, é a teoría máis exitosa e poderosa que xerou a humanidade. Todo o que apareceu despois son engadidos. Os electróns, as partículas elementais, os quarks, etc., son achados que teñen sentido dentro da mecánica cuántica. Sorprende, porén, que desde o ano 1927, en que se consolidou a teoría, apareceron, e seguen emerxendo aínda agora, diversas interpretacións sobre a mesma. Todas parten do mesmo problema: do concepto de función de onda.

Esa pluralidade de interpretacións pode clasificarse en dous grupos: o grupo dos que interpretan o estado cuántico ou función de onda como un obxecto con significado físico -como é, por exemplo, o electromagnetismo- afirmando que a función de onda ou estado cuántico ten realidade física; e o grupo dos que consideran que o estado cuántico reflicte unha realidade física do sistema que se está observando, pero que funciona como unha ferramenta teórica utilizada para interpretar os fenómenos físicos, aínda que esa función de onda non é física. No primeiro grupo estarían, entre outras, a interpretación de Compenhague, as interpretacións defensoras do colapso explícito e a teoría dos múltiples mundos ou pluralidade de universos. No segundo estarían científicos como Einstein e Louis De Brogli.

            A mecánica cuántica aplícase fundamentalmente ao mundo subatómico, aos elementos ubicados entre os quarks e as moléculas, e por aí comezou a súa andaina; pero tamén se aplican ao mundo supra atómico, ao macrocosmos, ao mundo perceptivo, e por iso se intenta descubrir a función de onda nos buracos negros e mesmo no universo. Ademais, a mecánica cuántica non se centra exclusivamente na medida dos elementos, atómicos ou moleculares, senón sobre todo nas súas interrelacións. Esas interrelacións que acaecen no mundo subatómico, e que non son observables, tamén trascenden ao mundo observable, que está enraizado e asentado sobre o mundo subatómico. A mecánica cuántica é, pois, unha ferramenta moi potente para resolver problemas científicos, pero tamén para conquistar o progreso e o benestar da sociedade.

A función de onda ou os estados cuánticos

Eu instálome no primeiro grupo das interpretacións da mecánica cuántica para poder subir á súa garupa a natureza e a esencia da felicidade. Evidentemente é unha visión absolutamente persoal e subxectiva, que por suposto nin se tratou como tema nin se fixo a menor alusión a ela na interpretación de Copenhague (1927). Pero ao estar considerada como a interpretación ortodoxa da mecánica cuántica, apórtalle unha validez científica indiscutible a todo aquilo no que ela interveña.

A interpretación de Copenhague aportou un dato moi interesante á mecánica cuántica, esencialmente relacionado co poderoso e substancial papel do observador na percepción dos fenómenos físicos, ao afirmar que a observación crea o fenómeno. Esa interpretación modifica esencialmente a visión determinista do mundo da mecánica clásica, dando paso a un mundo totalmente probabilístico e indeterminista. Esta interpretación da mecánica cuántica facilitoulle á filosofía unha ontoloxía revolucionaria, pois descubría que existen realidades microfísicas que soen atoparse ubicadas en estados de superposicións -combinacións lineais- de estados elementais.

Unha das razóns da Interpretación de Copenhague -nome asignado en recoñecemento ao físico Niels Bohr, que era de Copenhague-, aínda que a reunión na que se fraguou a interpretación tivo lugar en Como (Italia), xorde como consecuencia da interpretación da Ecuación de Schrödinger e da superposición de estados. Naquela reunión, onde se xuntaron Niels Bohr, Werner Heisenberg, Max Born…, -sorprendentemente non asistiron Einstein, Schrödinger nin Dirac-, Niels Bohr formulou o principio de complementariedade, segundo o cal dúas propiedades complementarias non se poden medir simultaneamente con total precisión, de modo que a unha maior precisión dunha delas, menos exactitude se obtén da complementaria. O exemplo no que se centraba Bohr era na dualidade partícula-onda, un achado de Louis de Brogli poucos anos antes daquela reunión. Neste caso, un fenómeno cuántico, como pode ser un fotón, só se pode presentar nun momento concreto como onda ou como partícula. Se aparece como onda, entón a súa situación como partícula quedará indeterminada. E ao revés, se se presenta como partícula, a indeterminación do fotón será como onda. Esa formulación de Bohr foi fundamental para que Heisenberg propuxese o seu principio de incerteza ou indeterminación. 

O principio de complementaridade é un achado dunha enorme importancia, porque significa que aquilo que observamos nos nosos experimentos non é a natureza real que percibimos sensorialmente. Por ende, dúas propiedades complementarias non se poden medir coa mesma precisión no mesmo instante. E así o principio de incerteza formulado por Heisenberg postula que non podemos coñecer a posición e a enerxía dun sistema de forma simultánea. De ambas teorías podemos inferir que non se pode observar a Natureza sen interactuar con ela, posibilitando así que os estados colapsen nun único resultado. Desa forma, o mundo físico “real” é o colapso dos estados cuánticos.

Aquela idea de que o mundo que nos rodea estea determinado pola nosa propia observación e de que os resultados se rexan máis por un sistema probabilístico que polo determinismo, non convencía a Einstein nin a outros científicos. “Deus non xoga aos dados”, dixo Einstein. Pese a todo, a Interpretación de Copenhague foise reforzando, mentres as teorías e experimentos deseñados para refutala caían polo seu propio peso. Entre elas o coñecido paradoxo EPR (Einstein-Podolsky-Rosen), que ten como referencia dúas partículas que interactuaron no pasado e quedaron nun estado entrelazado.  Imaxinemos que dous observadores reciben cada unha desas partículas. Se un observador mide a inercia dunha, sabe cal é a inercia da outra. Se mide a posición, grazas ao entrelazamento cuántico e ao principio de incerteza, pode saber a posición da outra partícula de forma instantánea, aínda que a outra estea ubicada noutra galaxia, o cal contradí o sentido común. Este paradoxo pretendía criticar o concepto de localidade da mecánica cuántica ao admitir a acción a distancia e o problema da medición.

Schrödinger pretendeu incorporarse ao paradoxo EPR describindo como se podería crear unha superposición nun sistema a gran escala facéndoo dependente dunha partícula cuántica nunha superposición. E así propuxo un escenario cun gato nunha cámara de aceiro pechada, no que a vida ou a morte do gato dependía do estado dun átomo radioactivo que se podía descompoñer emitindo radiación ou que non se descompuxese. Segundo a interpretación de Copenhague, o gato permanece vivo e morto ata que se entra na cámara e se observa o estado do gato, que estará vivo ou morto.

A felicidade, un estado cuántico

            Intentemos inicialmente introducir a felicidade dentro da linguaxe cuántica. Unha vez que xa deixamos concretado anteriormente que a felicidade non é un atributo que forma parte substancial do ser da persoa, senón do ter, admitimos que é un accidente que pode estar presente ou ausente en calquera ser humano. Polo tanto, podemos dicir que a felicidade é un estado -a palabra procede do verbo estar– no que se pode atopar unha persoa nos diferentes momentos da súa vida. E aquí xa quedamos atrapados nas redes da mecánica cuántica. 

O que nos pasa na vida son feitos, e un feito é un estado de cousas ou unha sucesión de estados. A felicidade non deixa de ser un feito, un fenómeno psicofísico de tipo emocional. Non hai feitos sen cousas, como tampouco hai universo sen materia. O estado é cada un dos sucesivos modos de estar nos que se atopa unha cousa concreta. O estado é diferente ao atributo substancial, xa que este tipo de atributos consiste en aportar cualidades características in actu ou propiedades esenciais a un suxeito. É, pois, inseparable do suxeito. En contraposición a atributos como “nai”, “médico”, “doutor”, “arquitecto”, “atracador”… que se asignan consubstancial e incondicionalmente aos respectivos suxeitos (Maruxa é túa nai, Loliña é doutora, o teu veciño é médico, o seu curmán é atracador…) – todos unidos co verbo ser-, hai outros atributos ou propiedades, como  “enfermo”, “cansado”, “durmido”, “feliz”, “distraído”, “noiva”… (Xacobe estaba durmido, Ana estivo enferma, Luis está feliz, Adela está de convidada…) -todos relacionados co verbo estar-, que aparecen relacionados co suxeito tan só de forma circunstancial.

“Os estados de cousas pódense describir” (L. Wittgenstein: Tractatus Logico-Philosophicius. 3.144). “A cousa é independente en canto pode entrar en todos os posibles estados de cousas, pero esta forma de independencia é unha forma de conexión co feito atómico, unha forma de dependencia” (Tractatus. 2.0122). Estas afirmacións de Wittgenstein, formuladas poucos anos antes da reunión en Copenhague, sinalan a confluencia conceptual da filosofía e da física. Lembremos que o Círculo de Viena, fundado por Moritz Schlick e integrado por filósofos que avogaban por unha filosofía centrada na ciencia, naceu como resultado do estudo do Tractatus de Wittgenstein que realizaron os seus integrantes.   

Se o mundo real é o colapso dos estados cuánticos -onde a observación crea o fenómeno-, a felicidade pode ser explicada como unha superposición de estados cuánticos posibles. Iso significa que nun momento determinado, unha persoa pode estar experimentando simultaneamente alegría e tristeza, sentirse feliz e desventurada, considerarse afortunada e malfadada… igual que o gato de Schrödinger, que estaba vivo e morto. Só cando a persoa se observe a si mesma e reflexione sobre a súa emoción do momento, colapsará da superposición e sentirase feliz. Como estaba antes de reflexionar e de observarse interiormente? Era feliz ou desventurada?

De conformidade coa superposición cuántica -principio fundamental da mecánica cuántica-, un sistema físico pode existir simultaneamente en múltiples estados posibles ata que se realiza unha medición. En consecuencia, non pode saberse se era feliz ou desventurado por non ter colapsado; é dicir, por non se ter observado interiormente para colapsar. Só así se pode decatar se é feliz ou infeliz -como no célebre gato de Schrödinger, que non se podía saber se estaba vivo ou morto antes de colapsar, é dicir, antes de abrir a cámara-.

Polo tanto, o encaixe da felicidade na mecánica cuántica parece lóxico. A felicidade non é un atributo consubstancial, porque as persoas non somos felices, senón que estamos felices. E eses modos de estar crean estados, que son resultados de colapsos cuánticos.

Unha conclusión adecuada para cazar a felicidade nun enclave cuántico podía ser esta: Ir á caza de todo o que nos ilusiona, nos agrada e nos enriquece como persoas. Logo, tentar seleccionar en cada momento o que máis nos convén e apaixona.… para gozalo, amalo, coidalo, vivilo e sentilo para que colapse canto antes. E, sobre todo, non deixar pasar a oportunidade de programar ao máximo os colapsos cando as circunstancias son propicias, xa que hai trens que só pasan unha vez pola estación da vida.


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (I)”

Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”

Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””

Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “

Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (V): ”Preguntas incómodas antes da despedida”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (IV): ”As investigacións de Charles Darwin, prolegómenos da teoría da evolución”

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (III)”.O secuestro de tres foguinos

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.