Constituída a Rede internacional de transparencia en gobernos locais intermedios

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou hoxe de “gran avance cara á transparencia na xestión pública internacional” o acordo para constituír a Rede internacional de transparencia en gobernos locais intermedios e entidades asociativas municipais, unha iniciativa proposta por Baltar no pasado Cume Internacional de Innovación e Excelencia Pública, organizada pola Deputación de Ourense, a Federación Latinoamericana de Cidades, Municipios e Asociacións de Gobernos Locais ( FLACMA), a George Washington University e o Instituto Internacional de Marketing e Comunicación, que tivo lugar na capital ourensá o 22 e 23 de xuño pasado. A presidenta da rede será a prefecta do goberno provincial do Guayas (#Ecuador), Susana González, e o vicepresidente, Manuel Baltar. Na reunión telemática celebrada hoxe entre os integrantes da rede acordouse aliñala coa axenda urbana global e que se converta en promotora de boas prácticas de xestión pública que aposten pola colaboración social, a loita contra a corrupción, a transparencia das administracións públicas locais, o fomento da innovación e o uso das tecnoloxías para achegar o servizo público nun diálogo aberto coa sociedade. Manuel Baltar considera que esta rede “ponse en marcha co obxectivo de que a transparencia sexa, ademais dun referente e un reto das administracións, un deber de funcionamento”, destacando que os encargados de levar á práctica esta “alianza internacional pola transparencia pública serán os propios gobernos locais intermedios para aplicala ao máximo nos seus procedementos executivos”. “Será un órgano internacional, presente en todos os continentes, que buscará alianzas en favor da transparencia pública, para actuar na senda que demanda a veciñanza: a transparencia, o goberno aberto, a participación e a rendición de contas”, afirma o presidente da Deputación. Precisamente, no marco do Cume de Innovación acordouse promover a constitución da Global Transparency Network, aberta á participación de entidades, organismos e autoridades de ámbito rexional e local, e propúxose como membros fundadores do organismo a Susana González, prefecta do goberno provincial do Guayas (#Ecuador); Johnny Araya, alcalde de San José (Costa Rica) e presidente de FLACMA; Toni Gaspar, presidente da Deputación de Valencia; Luís Carlos Velásquez, Gobernador de Caldas (Colombia); Sergio Arredondo, Secretario Xeral de FLACMA (México), e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, ademais da George Washington University. Tamén se acordou dar continuidade ao Cume de Innovación, co obxectivo de construír unha axenda internacional de transparencia e bo goberno, e promover un observatorio dixital como avaliador do cumprimento de medidas de transparencia e participación cidadá en gobernos locais e intermedios e a posta en marcha dunha comunidade de prácticas internacional que promova casos de éxito de alianzas e desenvolvemento territorial. Outro dos puntos do acordo refírese á importancia do cumprimento da Axenda 2030, a Nova Axenda Urbana e os seus 17 obxectivos de desenvolvemento sostible ( ODS) como folla de roteiro a seguir na era post-pandemia; o fomento da política social que resolva problemas de desequilibrio e pobreza; a loita contra a exclusión e a violencia de xénero e finalmente, a aposta por políticas ambientais que combatan o cambio climático. La Cumbre celebrada en Ourense reuniu a máis de mil asistentes de maneira presencial e telemática, un evento no que se recoñeceu o apoio da Federación Latinoamericana de Municipios ( FLACMA), representada na figura do seu presidente, alcalde de San José (Costa Rica) e copresidente do organismo mundial de Cidades, Gobernos Locais Unidos ( CGLU), Johnny Araya.

Publicidade