O presidente provincial participou esta mañá na presentación deste evento deportivo que alcanza a súa 26ª edición, e no que destacou a súa importancia “para fomentar a práctica deportiva e para reforzar a imaxe e promoción turística do noso territorio”
Ourense, 17 de setembro de 2025.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación da 26ª Semana Abanca, que está considerada, tal e como explicou o presidente provincial, Luis Menor, “o evento multináutica máis importante de España”.
Menor lembrou que o obxecto da súa creación e implantación, hai xa máis dun cuarto de século, foi crear un evento náutico de toda Galicia, coa fin de “xerar turismo de calidade en temporada baixa. Desestacionalizalo, en definitiva”. Precisamente, o presidente da Deputación recalcou que este evento de prestixio conta desde hai varios anos co apoio da institución provincial “para fomentar a práctica deportiva pero tamén co obxectivo posto na promoción turística da nosa provincia, con moito que ofrecer en moitos ámbitos, pero especialmente no aspecto náutico e deportivo”.
A Semana Abanca desenvolverá probas de vela e piragüismo en Castrelo de Miño e de esquí náutico, wakeboard e wakesurf en Cortegada. Na presentación desta mañá participaron, ademáis do presidente provincial, Luis Menor; o secretario xeral do comité organizador, Manuel Pedro Seoane; a directora da Zona Oeste de Abanca, Rosana Neira; a directora territorial da Consellería de Presidencia, Beatriz Fernández; e o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Brea.