O Concello de Ribadavia, en colaboración coa Asociación Solidariedade Interexeneracional, pon en marcha a partir do luns 22 de setembro unha nova edición dos “Talleres de Memoria e Animación Social”, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 55 anos. O programa desenvolverase en cinco núcleos de poboación do municipio, achegando a actividade ás diferentes parroquias e facilitando a participación das persoas interesadas:
- Centro Social da Franqueirán: luns de 16:00 a 18:00 h (inicio o 22 de setembro)
- Centro Social de San Paio: martes de 16:00 a 18:00 h (inicio o 23 de setembro)
- Centro Social de San Cristovo: mércores de 16:00 a 18:00 h (inicio o 24 de setembro)
- Centro SocioComunitario de Ribadavia: xoves de 16:00 a 18:00 h (inicio o 25 de setembro)
- Centro Social de Francelos: venres de 16:00 a 18:00 h (inicio o 26 de setembro)
Os talleres teñen como finalidade fomentar o envellecemento activo e contribuír á prevención da soidade non desexada, un dos retos sociais máis importantes no ámbito das persoas maiores. Entre os seus obxectivos destacan a prevención das perdas de memoria e a optimización dos recursos cognitivos, ofrecendo exercicios prácticos e orientación para reducir preocupacións e retardar a aparición de posibles trastornos. Do mesmo xeito, búscase promover o benestar emocional e subxectivo, mellorando a autoestima e a confianza, aprendendo a xestionar o estado de ánimo e reducindo a incidencia de problemas como a ansiedade ou a depresión.
Outro dos piares da actividade é o fortalecemento das relacións interpersoais, fomentando a participación grupal, a cohesión e a resolución positiva de conflitos, ademais de impulsar a educación para a saúde a través de información sobre hábitos saudables, exercicio físico, prevención de enfermidades e seguridade persoal.
As persoas participantes terán á súa disposición unha programación variada que combina exercicios memorísticos, actividades de animación á lectura, creación de textos e debates, xunto con propostas de terapia social e creativa como a pintura, os murais ou as manualidades. Ademais, os talleres inclúen dinámicas de adestramento sensorial e mellora da autoestima, sesións de ximnasia terapéutica e relaxación, e xornadas divulgativas centradas en temas como a saúde, a prevención da soidade ou a seguridade das persoas maiores.
Con esta iniciativa, o Concello de Ribadavia amosa unha vez máis o seu compromiso co benestar da poboación maior, ofrecendo un espazo de encontro, formación e convivencia que contribúe a mellorar a súa calidade de vida e a fortalecer os vínculos sociais dentro da comunidade.