Espazo Común fai propostas á Corporación para “resolver a insostible situación” dos operarios de Emerxencias

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común traslada de novo ao Pleno da Corporación do Carballiño unha moción para apoiar a continuidade e o respecto polo grupo municipal de Emerxencias, ao entender que “vai camiño a ser totalmente desarmado polas decisións do goberno PPSOE”. Entre outros xustificantes, esta formación política subliña que “A meirande parte dos veciños deste pobo considerao imprescindible. E non para menos. Os feitos están aí para demostralo. O Parque de Bombeiros só conta cunha dotación por quenda para atender a 24 concellos, non é só para O Carballiño. Nin tan siquera para a nosa comarca.  É posible que un día haxa un incendio ou outro percance no noso pobo  e os bombeiros estean na Peroxa noutra actuación? Por suposto que é posible”.

Neste sentido, apuntan que “este argumento debera ser máis ca suficiente para que o Concello coidase ben de manter este servizo nas mellores condicións, pero é que, ademáis, fan un número infinido de funcións que os bombeiros non fan e que recaen nos traballadores do Grupo Municipal de Emerxencias”.

E expoñen que “tan grave se tornou a situación que chegaron a ter que manifestarse nas rúas para pedir algo tan básico coma traxes que son obrigatorios para exercer o seu traballo cos menos riscos posibles”. Tamén, que “outra das reivindicacións que se ven obrigadoa a facer é que se cubran os ocos que van quedando na plantilla a causa do goteo de baixas de persoal que marcha na procura de mellores condicións laborais, e que leva a que hoxe apenas queden 9 persoas das 20 que debería haber”.

En consecuencia, plantexan ante a Corporación “Que o Concello do Carballiño adquira os EPIs necesarios para a seguridade dos traballadores nas intervencións que teñan que acometer”, solicitando, ademais, “que se devolva a este servizo o material que lles foi retirado para acometer a súa función”. Por outra banda, dende Espazo Común pídese “que se cubran as prazas vacantes no cadro de persoal de Emerxencias” e a convocatoria urxente da Mesa de Negociación Sindical, de xeito que na súa orde do día se inclúan as demandas dos traballadores de Emerxencias.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------