Ribeiro en Común demanda un plan integral para a mellora dos inmobles municipais abandoados no casco histórico

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribeiro en Común demanda que o goberno municipal de Ribadavia continúe a labor iniciada pola anterior concellaría de Urbanismo e Casco Histórico, xestionada polo noso grupo, cando se logrou unha solución de dúas décadas de abandono dos inmobles municipais na rúa dos Fornos. Grazas a este proceso iniciado polo anterior goberno municipal, e sobre todo ao importante esforzo inversor da familia que promove un hotel con encanto en ditos inmobles, vaise posibilitar o primeiro hotel destas características na zona monumental, onde ata fai ben pouco había varios inmobles ruinosos que supoñían un punto negro no barrio histórico.

Sen embargo, o goberno actual do PP paralizou o Plan de dinamización e mellora que o anterior goberno tiña, ao retirar a partida propia para a mellora da zona monumental, que na anterior lexislatura posibilitou:

    • Recuperar, redescubrir o antigo forno, e rehabilitalo como espazo público.
    • Adquirir o solar abandonado, que era usado como aparcadoiro ilegal, na Porta Nova, a carón da entrada ao Castelo.
    • Arranxar, e rehabilitar como espazo público o solar abandonado na praza García Boente, grazas tamén ao diálogo coas persoas herdeiras e a súa xenerosidade.

Estes tres espazos recuperados en pouco máis de dous anos, levaban décadas abandonados no corazón da zona monumental. Agora, sen embargo, o actual goberno non só non continuou este plan de mellora, senón que abandonou o seu mantemento e coidado, para exemplo a situación na que se atopa o Forno público, pechado e en estado calamitoso. Pero, o máis clamoroso da nula xestión do goberno é que superado o ecuador da lexislatura, non tiveran ningunha soa iniciativa para mellorar os soares ruinosos que son propiedade do Concello.

Por todo o anterior, Ribeiro en Común traslada ao Pleno da Corporación a petición de que o Concello realice un Plan de limpeza, desentullo e obra de mellora dos seus soares abandonados, tanto na rúa dos Fornos como na de San Martiño. Así mesmo, solicitan que desde o Concello se lle reclame á Xunta e Deputación a súa colaboración para a rehabilitación de ditos soares/inmobles en estado ruinoso, e en última instancia, se volva a sacar a subasta pública, como se fixo no seu día.

Por último, propoñen que o Concello interceda na adquisición de novos inmobles/soares para a súa rehabilitación, sinalando varios inmobles que supoñen un punto negro na nosa zona monumental:

– Un inmoble na rúa Xerusalén que supón un perigo para viandantes (fronte a unha panadería con moita afluencia de veciños e visitantes) e axunto a un solar municipal;
– Inmoble rúa Porta Nova de arriba (xa traída a Pleno, e axunta a un inmoble do Plan Rexurbe).
– Outro inmoble privado, da rúa Porta Nova de arriba (tamén en estado moi perigoso, fronte a taberna Papuxa);
– Dous inmobles/soares na rúa Salgado Moscoso en situación de ruína (situados fronte a casa do IGVS).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------