Felipe Senén: “O Folión, os foguetes e os fogueteiros do Carballiño”


Por Felipe-Senén

Galiza conserva, como poucos pobos, as raiceiras das súas orixes, fórmulas de convivencia e relación paisaxe-paisanaxe, vida-morte, que a distinguían e que mesmo os xeógrafos grecolatinos cualificaban como “célticas”. Cultura que, co devalar do temposerá revestida polo imperio romano e de xeito continuo polo cristianismo con novos significados relixiosos. Pois velaí que somos de cerna celta, romana e cristián. Sen faltar sacerdotes que se empeñan en apartar algunhas tradicións polo que din ter de maxia e superstición, como si moitos rituais da igrexa non os tivesen. Comportamentos cheos de atractivo misterio e que non tentan contra a vida, contra a igualdade ou contra a solidariedade, senón que celebran iso mesmo. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Este noso mundo, tan sometido á comercialización, ás novas tecnoloxías audiovisuais acelera as mudas e faino con resultados aculturais. Perdura o culto aos Catro Elementos: á TERRA, o que se desenvolve especialmente a través de ritos arredor das penedas, das covas ou das árbores; o culto á AUGA  purificadora e velaí a importancia das fontes, dos mananciais, dos pozos, dos ríos, das lagoas…o culto ao AIRE, ao vento co seu son, o que move nubes e fai predicir, o serao que entra e bendí a casa…e o culto ao LUME, culto solar, aos escintilantes astros e a todo fenómeno ígneo. Catro Elementos que teñen os seus días e fórmulas de celebración, repartidas entre as Catro Estacións: no Nadal, no Entroido e nos Maios, no San Xoán, no Tempo de Defuntos e Magostos…cuadratura do circo, espiral que nos envolve.

Setembro – 1958 (Foto F. López)

A maxia  e a alquimia do moi respectado señor fogueteiro

E dentro deste tradicional, perigoso e atractivo xogo co lume, o que prende dende a infancia, está o oficio, case de meigo e alquimista do fogueteiro. É este un dos oficios tradicionais da  Galicia, tal como recolle Vicente Risco no tomo 2 da Historia de Galicia,  dedicado ao Home e no capítulo “Dos oficios” (1962 Editorial Nós, Bos Aires). Pescudas retomadas polo discípulo do anterior, Xocas en  “Os oficios” ( Galaxia, 1983) e mais recentemente por Vázquez Pintor en “Tal era vivir: os vellos oficios” (Xerais 1996). Libros que nos contan que o oficio da pólvora – inventada polos chinos para tantos usos, máis bélicos que festivos – xa contaba con fogueteiros na Galiza do século XVI , para no século XIX irse especializando, medrando e  industrializando. Oficio que contaba con tallares repartidos en galpóns, separados entre si, para maior seguridade e evitar traxedias que tampouco faltaron. Arriscado e perigoso traballo o do fogueteiro, con algo de alquimista e mago, manipulando e bulindo entre feixes de canas, pías, caldeiros, tarros e botes multicolores, de carbón, salitre, xofre, clorato, barro…os que mesturaba con prudencia en morteiros, pasado polas peneiras, metido con atacadores en canivetes,  en cartuchos atados cordas untadas de pez, deixando saír a mecha. Demoníaco cheiro a xofre.

Fogueteiros imprescindibles na Galiza das feiras, das festas e das romarías, esenciais nese ir e vir dos camiños. Tal como tamén conta Vicente Risco naquela peregrinación de xullo do 1926, a que con Otero Pedrayo e outros fixeron de Ourense a Compostela, pasando polo Carballiño e con fito simbólico no Pico Sacro…e que pillándoos a noite espesa nas fragas e reviravoltas do camiño, en terras do Deza,  atopan e conversan cun falangueiro fogueteiro cabalgando nunha mula cargada de canas e bombas…camiñante que lle indica onde facer parada e fonda.

Detalle cartel Festas Carballiño -1979

O folión: a festa do tanxer, do son, do estoupido, da cor…

 Compre dicir que “o folión” é a festa do ritmo, do ruído, do tanxer dos bombos, pero tamén do estrondo das bombas e da luz. Algarabía e rebumbio entre o que moito da de si a figura literaria e artística do fogueteiro, mago de efémeras luces, as que , en respiros, compiten no ceo co escintilar das estrelas e coas ilusións. Na miña mente e dende neno sigue estando a figura do fogueteiro no Folión das festas maiores do Carballiño: co seu mandil azul, nun ir e vir cun facho de lume na man, entre as ringleiras dispostas de canas e canóns de foguetes apuntando e desafiando ao ceo, entoleirado, ebrio de lume, prendendo mechas entre unha chuvia de  faiscas, o asubío dos foguetes que suben e o estrondo dos que estoupan en cegadora aura deixando ao vento espesas nubes de pólvora. O máis asiduo e mais coñecido fogueteiro maior era Golpe, de Guísamo, como un mago Merlín, un heroe da maxia do lume e da luz.

Anos despois atopeino nos camiños da vida, trateino e mesmo compartín cerna de folións coruñeses, neste caso nos patios do Castelo de San Antón, os que servían de punto de tiro nas noites de sesión de fogos das festas de agosto de María Pita:  revestido co seu amplo mandil azul, cos seus cabelos apuntados e radiados ao ceo, ao estilo Einstein, de aquí para alá, atento, mirando a todos os puntos, entre labaradas de efémeras  luces metálicas, azuis, verdes, roxas e nun diverxer de asubíos que soben e estoupan… Fogueteiro, como  sumo sacro sacerdote, guerrilleiro de alegría e  de fantasías que facían tremelicar á mesma fortaleza e ate ás arqueoloxías que alí se gardan…non sendo sitio adecuado para semellantes xogos ancestrais, igual que pasou no Obradoiro Compostelán, onde, de xeito serodio, houbo que poñer sentidiño e apartar o lume e o estrondo de sitios tan delicados e monumentais.

Noite da véspera do San Cibrao, cando o ceo do Carballiño se acende de fantasías

As feiras, festas, as celebracións e fogos de Compostela eran modelo a imitar e no Carballiño – con tanta relación coa cidade do Apóstolo – tomábase  boa nota. Para aquelas sesións nocturnas e festivas os balcóns que encadraban a Praza Maior do Carballiño, o da casa dos Quiroga, os da Telefónica, do Aspilche, do Moucho, as galerías do Melero e do Rojón… desbordaban de xente que esperaba cumprir co ancestral rito de lume. Entón, unha a unha, até unha ducia de potentes bombas de palenque, subían, acendían os nervios e estalaban en luz no ceo. Entre unha restra seguida de disparos con estoupares resoantes comezaba asía a sesión, de seguido, en ronseis de faiscas subían os  foguetes, o ceo enchíase de chuvia de luces de todas as cores, de prata e ouro. Caian as canas… en Flores, á porta das palleiras, con cubos e baldes de auga facíase previsora garda ante algún incendio. Os nenos corrían na busca e reunindo tesouros de canas, canutos e canivelas.

Naquel Carballiño da metade do século XX, había instalados dous solicitados fogueteiros, aos que ansia non lle faltaba: o Cachelo  tiña caseta e taller entre os Cutiños e hortas solitarias do Mato…nalgunha noite facía experimentos e lanzaba ao ceo foguetes de efémeras luces que subían ao ceo para zigzaguer caprichosamente un segundos, deixando tras si un regueiro de efémeras muxicas… axiña se apagaban. Algúns, ate descubrir a súa orixe, mesmo se pensou que aquelas efémeras luces eran pratillos voadores. O Cachelo era especialista fogueteiro en tracas e bombas de palenque, tan solicitadas para na alborada anunciar que encetaban a festa, imprescindibles entre o grilar das gaitas e as danzas dos cabezudos. Bombas anunciadoras, lanzadas na procesión, no intre central da misa, entre o repenique das campás, as que daban inicio ás verbenas.

Lembramos tamén  ao Manolo o fogueteiro, este con caseta entre uns emparrados no Souto das Táboas…xente traballadora, pouco faladora, relixiosa, facendo gala agradecida por algunha concesión do seu hábito do San Benito: camisa azul e un cordón marelo á pescozo…Queridos fogueteiros, esenciais amigos, perdidos nos camiños da emigración.

No programa festivo do Carballiño tiñan sona as tradicionais “sesións de fogo de artificio fixo e voador”, con apoteose na noite do feirón, a véspera do patrón San Cibrao, o 16 de Setembro. Nos anos corenta acudíase á pirotecnia Bóveda de Ourense , como á de  Feliciano Rodríguez, a Cachelo(1944),a  Emilio Valladares de Vilagarcía (1945-1959) este fogueteiro de sona por innovar e ofrecer un variado catálogo: no 1951 introduce o fogo acuático no Arenteiro,  como mago prestidixitador, famoso polas súas rodas tolas, “o paraugas”, “o carro de Xupiter”, “capricho moderno”, “a canasta das sorpresas”, “abano”, “a balanza do demo” e mesmo, ao xeito de Compostela, autor dunha “Gran Fachada de S. Cipriano”. Competidor coas “artísticas cascadas de sorprendente y maravilloso efecto bouquet”, estas a cargo do nin menos famoso pirotécnico Golpe de Guísamo.” (1969). A empresa pirotécnica Golpe de Guísamo , casa fundada no 1860, de ilustre familia galeguista das Mariñas coruñesas,  foi un incondicional da pirotecnia nas festas do meu Carballiño dos anos sesenta e setenta. Encontros aos que tamén concorreu a pirotecnia Álvarez Cabo de Chantada (1964) especialista en rodas e pratos voadores, cun final apoteótico.

O folión do Carballiño era un reto, un plus para calquera fogueteiro que quería medrar, non faltando a Pirotecnia Álvarez de Padrón (1978), como a Pirotecnia Josman (2018). Programa festivo esperado e nas miras de prestixiosas casas pirotécnicas de Aragón e Valencia.

A Condesa que extrapola en “El Cisne de Vilamorta” as festas de Betanzos e as do Carballiño

E como non, ao centrarnos no Carballiño teriamos que recoller un expresivo texto da Condesa de Pardo Bazán, tan afeita e ver o mundo popular dende o balcón. Na súa novela referida ao Carballiño, “El Cisne de Vilamorta” (1885), ambientada na entón pretensiosa vila, mestura de augüístas, feirantes e unha fidalguía que erguía mansións abertas ás novas rúas, Dona Emilia centrase nas paisaxes, nas paisanaxes e nada mellor que nas festas dedicadas a un confuso  santo patrón tido por meigo, o San Cibrao. E  respecto á sesión de fogos escribe no capítulo XIII: “… fueron los primeros cohetes vulgares y sin novedad alguna; un trazo de luz,  un tronido sofocado y un haz de chispas. Más en breve les llegó el turno a las sorpresas, novedades y maravillas artísticas. Fuegos había que al estallar se repartían en tres o cuatro cascadas de lumbre, y con fantástica rapidez se repartían en las profundidades del cielo; de otros se desprendían, con misteriosa lentitud y silencio, lucecillas violadas, verdes y rojas, igual que si los angelitos voleasen desde arriba una caja llena de  amatistas, esmeraldas y rubíes. Caían las luces despacio, despacio, como lágrimas,  y antes de llegar al suelo se extinguían repentinamente. Lo más bonito eran los cohetes de lluvia de oro, que exhalaban  caprichosamente  una constelación de chispas, un chorro de gotas de lumbre, tan presto encendidas como apagadas. No obstante el regocijo de la plaza fue mayor ante los fuegos de “Tres estollos” y culebrina. Estos no carecen de gracia: salían  y estallaban como los cohetes sencillos, y  allí a poco saltaban una lagartija de luz, un reptil, que bufando y haciendo eses correteaba por el cielo y se hundía de golpe en la sombra…”  A escritora detense no rostro do avesporeiro de xente de ollos abraiados que  miran ao ceo,  entre os telderetes , tan axiña iluminados pola potente luz nacida dun tremendo estoupar, a que, axiña, se desfacía en serpentinas e vermes de cores, como quedando a escuras, “disfrutando y saboreando el gran placer de los hijos de Galicia, raza que ha conservado el culto y amor del celta por los fenómenos ígneos, por la noche iluminada, compensación del brumoso horizonte diurno”. Describe aqueles artefactos que mais parecían de tortura ou espantallos, referíndose  ás rodas e árbores de fogo, dispostas a queimarse, dando voltas, xirando, entre chispas de luz dourada e estrondo de traca, fume e arrecendo a pólvora…Preámbulo para o lanzamento dun  xigantesco globo…

Cartel Festas Carballiño -1982

Descricións que nos fan  mudar de criterio respecto a vellas cavilacións e mesmo ao escrito en artigos. Coidamos agora que non convén facer historia do Carballiño a través de todo o que describe a condesa, pois no caso do globo festivo, coidamos que o maxín e as súas liberdades literarias fan  que se extrapole a  Vilamorta a tradición do globo de Betanzos. Sabemos que, polo San Roque a escritora acudía á casa que os Quiroga Hermida, á beira da Capela de an Roque, tiñan mirando ao Campo de Betanzos, noite na que soltaban ao ceo esta xigantesca fantasía de papel pegado. Algo que tamén se nos conta en “Vales Villamarín e o Cisne de Vilamorta ” traballo de Lauro  Xosé Pedreira Ares e José-Domingo Vales Vía (Betanzos 2018) sobre “a versión galega e inédita da novela homónima de Emilia Pardo Bazán” iniciada, alá polos anos sesenta, polo polígrafo betanceiro Francisco Vales.

“Galiza romaría interminable” , confín no que non hai festa  sen foguetes, gaiteiros, orquestra e xantar enxebre, convite de socialización e ao seu redor toda unha cultura e unha forte industria. E niso dos fogueteiros había clases case eclesiásticas, cardeais e aprendices do perigoso xogo e liturxia co lume, tratando de domesticalo, prestidixitadores na arte de combinalos, acendelos en fogueiras, en fachóns, ate as mais elaboradas artimañas da pirotecnia, agora sincronizadas por ordenador e gps,  combinados con bombillas, a raios laser, a led, a videoproxeccións, mappings cambiantes, como novas fórmulas da arte proxectada sobre edificios. Arte da luz, a que con canto que comporta de maxia, de misterio, de sedución, nunca morre.


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén:”Os eidos que abeiran o vello camiño das orixes, o de Flores a Señorín”

Felipe Senén:”Míticas curvas e reviravoltas nos vellos camiños do Carballiño”

Felipe Senén:”Miguel Anxo Fernández, o Carballiño e a súa aura como escritor e cinéfilo”

Felipe Senén:”O Carballiño e o reloxo de cuco do Balneario nas viaxes do escritor Alfonso Armada”

Felipe Senén:”A científica María Teresa Miras Portugal sempre na memoria do seu Carballiño”

Felipe Senén: Carlos A. Rodriguez e a súa novela sobre o galego “rei dos xíbaros”

Felipe Senén: “Xesús Carballido. Esoutra arte ou poética de argallar, pegar ou coser memoria”

Felipe Senén: “o Casino do Carballiño , a súa Festa da Mimosa e algo máis”

Felipe Senén: “Contos, medos, amuletos e santuarios das xentes do camiño”

Felipe Senén: “Felipe Senén: “A Rosa, a flor de Flores””

Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño