A protección da paisaxe frea o proxecto de Iberdrola en Baltar

A Dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu una declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorábel ao P.E. San Martiño, que Iberdrola intentou promover nos montes da Boullosa, lindeiros con Portugal, no concello ourensán de Baltar, entre o Larouco e o Parque Natural do Xurés.

E o cuarto proxecto eólico que se para nesta área entre Celanova e A Limia e, neste caso, suporá tamén a paralización da LAT do Larouco, que espertou a contestación social na Limia grazas o labor de denuncia do Club Parapente Baltar que participou decididamente na campaña da plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA contra estes proxectos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A ameaza sobre a Serra do Larouco e o Xurés seguen vivas cos proxectos en tramitación P.E. Tramontana e P.E. Mistral, denunciados pola plataforma como unha ampliación fraudulenta do parque de 49 aeroxeradores que Iberdrola mantén operativo na parte leste da serra.

Despois do éxito da campaña de captación do FONDO PARA A DEFENSA XURÍDICA DAS MONTAÑAS DA LIMIA-XURÉS-CELANOVA, este mesmo mes comezarán a elaborarse os informes medioambientais e paisaxísticos das áreas de desenvolvemento eólico que afectan a estas comarcas.

No caso da DIA desfavorábel do P.E. San Martiño, ademais da protección dos valores naturais, sinaladamente da fauna, que se invoca no documento, aparece desta volta unha oposición rotunda do Instituto de Estudos do Territorio ao proxecto, o que converte á protección da paisaxe no elemento determinante dunha resolución que deberá ser tida en conta para a avaliación do complexo Tramontana-Mistral, situado na mesma zona.

“A incidencia visual suporá uns impactos críticos sobre a paisaxe, que alteraría de maneira irreversible os valores das AEIP [áreas de interese paisaxístico] máis afectadas, sen que tales efectos poidan mitigarse con ningún tipo de medida correctora”, sinala no seu intercambio de documentación coa empresa promotora o Instituto.

O Instituto advirte que, de se levar adiante o proxecto, produciranse impactos críticos sobre dúas AEIP, as da Serra da Pena-O Couto Mixto e da Fraga da Rousía, así como sobre as “formas rochosas de interese paisaxístico”. E engade ademais que, desde o punto de vista da paisaxe, produciríanse efectos sinérxicos con outras instalacións eólicas xa operativas ou previstas, que agravarían os impactos.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA solicita da Xunta de Galiza e dos concellos que as áreas de aproveitamento eólico nas que foron decaendo os proxectos Monte da Neve (Celanova-Verea), Monte Grande (Verea-Bande), Lamas de Feás (Calvos de Randín-Os Blancos-Baltar) e, agora, San Martiño (Baltar) sexan eliminadas tras a revisión do Rexistro Eólico de Galicia ou futuros mapas de aproveitamento, xa que ficaron en evidencias impactos inasumíbeis en todos estes casos.

A principios de decembro de 2021, a plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA rexistrou no Concello de Baltar máis de 40 alegacións contra este proxecto de San Martiño, son parte das 57 alegacións presentadas por particulares e 10 por asociacións ou organizacións. Foi a primeira campaña de alegacións masivas nesta zona. Apenas uns meses despois, o número de alegacións recollidas só en Baltar contra a LAT do Larouco superou as 300.