Desde Espazo Común Punxín vén de denunciar “o estado de abandono no que se atopan numerosos puntos de recollida de lixo do noso concello, unha situación que leva demasiado tempo prolongándose sen que o goberno municipal tome medidas. A acumulación de mobles, colchóns, madeiras e outros residuos voluminosos converteuse nunha imaxe habitual en distintos puntos do municipio. Non se trata dun feito illado, senón dun problema xeneralizado que afecta a lugares como Viñao, A Vilerma, Barbantes, Lamas e outras zonas do concello”.
Esta formación política apunta que “O problema vai máis alá. Son varios os veciños que denuncian que tamén existen colectores de lixo doméstico que permanecen cheos durante semanas, sen que se realice a súa recollida coa frecuencia necesaria. Mentres tanto, o recibo do lixo chega,como sempre, puntualmente ás casas dos veciños”. Así que preguntan qué explicacións ten o Concello para esta situación, “porque gobernar tamén é garantir que os servizos públicos funcionen. E hoxe, por desgraza,non están a funcionar”.

Para Espazo Común Punxín resulta especialmente preocupante que “algúns destes puntos de acumulación de lixo se atopen á beira da estrada N-541, unha das principais portas de entrada ao noso concello. Esa é a primeira imaxe que reciben quen nos visita: colectores desbordados, residuos amoreados e unha sensación de abandono que non merece Punxín”.
E engaden que “mentres o goberno municipal dedica esforzos a anunciar grandes proxectos e vender titulares, é incapaz de resolver cuestións tan básicas como manter limpos os espazos públicos ou garantir unha recollida eficaz do lixo. A realidade desminte a propaganda”, e, en consecuencia, esixen “a retirada inmediata de todos os residuos acumulados, a normalización da recollida dos colectores afectados e explicacións públicas sobre as razóns que levaron a esta situación”.
“Os veciños cumpren coa súa parte e pagan os seus impostos. O Concello ten a obriga de cumprir coa súa. Porque un concello que non é capaz de manter limpos os seus colectores dificilmente pode presumir de boa xestión. Punxín merece moito máis ca un goberno instalado na improvisación, na deixadez e na propaganda. Punxín merece un concello limpo, ben xestionado e á altura dos seus veciños”, conclúen dende Espazo Común Punxín.


















