A Deputación aproba o ‘I Plan de Lectura’ destinando 350.000 euros para a compra de libros aos cativos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Goberno desta semana mobilizou un total de 1.580.947,82 euros en axudas destinadas á cooperación con municipios (743.969,47 euros) da provincia e diferentes entidades (486.978,35 euros).

Ademáis, na mesma sesión aprobáronse as bases do I Plan de Lectura Provincial, dotado con 350.000 euros destinados á compra de libros e cuxos beneficiarios serán as persoas empadroadas na provincia menores de idade (nacidas desde o ano 2007). Cúmprese así un acordo plenario do pleno de abril deste ano.

Segundo as bases aprobadas esta mañá, as adquisicións de libros realizarase entre o 15 de outubro e o 20 de decembro. Haberá unha listaxe de establecementos adheridos a este plan de lectura que será debidamente publicada, unha vez que presenten solicitude de que queren participar entre o 25 de setembro e o 10 de outubro.

No que atinxe á colaboración con entidades sen ánimo de lucro para proxectos de carácter social para o este ano, a Xunta de Goberno resolveu o concurso para a concesión destas subvencións, cifradas en prácticamente 350.000 euros (exactamente, 349.978,35 euros).

No que respecta ás axudas aos concellos, esta semana concedéronse 743.960,47 euros para diferentes obras (case todas son para mellora de viais, camiños e rúas) e servizos nos municipios de Vilamarín, A Veiga, Ribadavia, A Pobra de Trives, Petín, Pereiro de Aguiar, Esgos, Boborás, Beade e Os Blancos.

Asemade, un total de 53 entidades recibirán axudas desta Deputación para diferentes proxectos de carácter social: a Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa, Discafis-Cogami, o Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso”, o CDR Portas Abertas, Por Eles TEA, Trascos, Autismo Ourense, a Asociacion Tranquilamente de Saúde Mental, Fundación Secretariado Gitano, a Asociación para a Defensa, Recuperación e Estudio Terpéutico da Especia Asnal (Andrea), Igaxes, Morea, Amigos de la Barrera, Algueirada de Manzaneda, Fundación Juan Soñador, Asociación Rural San Adrián de Solveira, Asociación contra as enfermidades Neuromusculares, Asociación de Esclerose Múltiple, ELA e Parkinson, Asociación de Fibromialxia; Cimo, Fundación Renal española, Asociación de Viúvas María Andrea, APES, Alcer Ourense e Alcer Galicia, Cáritas, Asociación de Hemofilia, Asociación Participacción, Asociación de Fibrose Quística, Asociación Galega Linfedema, Algaria, FEAFES, Fundación Neuroburgas, Asociación Española contra o Cancro, Xarela, Adido, Fundación ECCA Social, Asociación Asdifica, Escola Rural A Limia, Asociación LIMISI, Redmadre Ourense, A Federación de Mulleres Rurais FEMURO, Fundación Amigos de Galicia, Asociación Veciñal As Termas, Asociación Xuvenil Amencer, Xeracción, Agrupación Veciñal Miño, Valoresc Innovation, Asociación Acolle, Fademga, Renacer e Fundación Amaranta.

No que atinxe ao resto de entidades ás que se lles concede axuda esta semana, destacan os 75.000 euros a favor da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas para a reforma e mellora do local de bombeiros, os 50.000 euros para o mantemento das instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño ou os 12.000 euros para a Asociación Cultural e Deportiva Ka-Torce.

Por último, aprobáronse dúas modificacións do Plan CooperOU a petición dos concellos de San Amaro e Pontedeva, e tamén foi aprobado o nomeamento do tesoureiro da Deputación, Miguel González López – Mosquera, como presidente do Tribunal Económico Administrativo do Concello de Ourense para o período 2025-2029.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------