O Arenteiro non pasa do empate (1-1) en Espiñedo ante un Barakaldo moito máis combativo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Club Deportivo Arenteiro conseguíu onte no estadio de Espiñedo un punto no seu duelo ante o Barakaldo CF, tras igualar grazas ao quinto tanto da tempada para Mingo, que neutralizou o gol inicial de Erik.

O encontro medía en Espiñedo a dous equipos na procura dunha importante vitoria. Por un lado, un CD Arenteiro que volvía a casa con boas sensacións e as novidades de De Camargo e Ochoa no once inicial, para medir forzas ante un Barakaldo combativo desde o primeiro minuto de xogo. As ocasións pronto ían tinguirse de cor verde, e eran os de Arribas quen manexaban con máis eficacia os tempos do partido e a construción do xogo. Con Ferreiro como home clave na zona de enganche, Mingo lograba protagonizar dúas ocasións claras, especialmente a segunda, que precisou da intervención do meta visitante para evitar o primeiro gol. Máis xogo e protagonismo para os galegos, que optimizaban cada achegamento con velocidade polos costados e profundidade. Ochoa exercía como elemento de perigo claro pola esquerda, e o cadro biscaíño esforzábase en achicar auga ante as acometidas rivais.

O paso dos minutos traería máis ocasións por parte dos de Jesús Arribas. Un disparo desde a frontal de Brais Val, e un gran centro cruzado de Ferreiro, ao que Mingo non chega por centímetros, achegaban o perigo á área gualdinegra, mentres que o Barakaldo centraba en Sabin Merino os envíos ofensivos, en contados achegamentos sobre o marco de Diego García. Con mellores sensacións que o rival, o CD Arenteiro finalizaba a primeira parte chegando con perigo en cada aproximación.

A segunda parte continuaba coa tónica anterior, e o control e protagonismo verde permanecía certo. Mingo rozaba o gol nun un contra un que o meta rival salvaba con apuros, e a continuación, unha gran xogada de Ochoa finalizaba en centro perigoso, con novo remate de Mingo, asistencia ao rebote de Ferreiro sobre De Camargo, e remate final deste que se marchaba por pouco a saque de esquina tras tocar no central. Encontro igualado, aínda que con vitoria a puntos para os de Arribas, que poñían máis fútbol e máis ambición sobre o terreo de xogo na procura dos tres puntos.

O desenvolvemento da segunda metade traería cambios e nova enerxía no cargador de ambos equipos. Richarte, Dani González e Alpha facían o seu ingreso para sumar pernas a unha estratexia de equilibrio e chegadas que mantiña vivo a un equipo que non rendía armas na procura dun merecido resultado positivo. Traballo intenso e continuado que, sen embargo, non ía obter o rédito desexado. Sería o conxunto vasco quen, a dez minutos da conclusión, lograría adiantarse, grazas a un gol de Erik Pérez. Xerro de auga fría do que se recuperaría rapidamente o equipo de Carballiño cun novo gol do ariete, Víctor Mingo, que conseguía a igualada cun gran cabezazo. Finalmente, reparto de puntos nun duelo de igualdade e moi intenso de principio a fin.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------