O BNG demanda melloras na seguranza viaria da N-120 ao seu paso por núcleos de poboación do municipio de Cenlle

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A senadora María Carmen Da Silva Méndez, do Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de formular unha serie de preguntas ao Goberno do Estado sobre a seguranza viaria no tramo da estrada N-120 (Madrid-Vigo) ao seu paso polo termo municipal de Cenlle, situado na comarca do Ribeiro. Concretamente, esta representante designada polo Parlamento de Galicia pregunta se “é coñecedor o Goberno da necesidade de mellora das medidas de seguridade viaria na N-120 ao seu paso polo concello de Cenlle, especialmente nos lugares de Barbantes, Laias,
Rozamonde, Xubín e Trasariz”, e se o Goberno “é consciente de que se trata de lugares cunha alta mobilidade peonil e que a falta de elementos seguros que permitan atravesar a vía polos peóns pon en risco a súa integridad”.

Asemade, Carmen Da Silva interésase pola necesidade “de medidas que regulen o tráfico e a velocidade dos vehículos así como que protexan o tránsito seguro das e dos peóns”. Neste sentido, plantexa a oportunidade de “instalar nos núcleos de Barbantes, Laias, Rozamonde, Xubín e Trasariz elementos de seguridade que permitan o cruzamento seguro das e dos viandantes”, así como a instalación, neses puntos, de “pasos de peóns elevados ou ben pasos a nivel regulados por semáforos a demanda ou con control de velocidade que dean garantías ás persoas, especialmente ás máis idosas, á hora de atravesar a estrada dunha marxe a outra”.

A senadora do BNG considera que “é preciso, en primeiro lugar, mellorar a seguridade peonil no núcleo de Barbantes, en que existe só un paso de peóns diante do acceso á Estación de tren, con todo, sería preciso instalar cando menos outro para favorecer o tránsito en distintos puntos”. Outro núcleo no que é importante reforzar a seguridade viaria na N-120, según Carmen Da Silva, é o de Laias, “cunha travesía longa en recta que precisaría de incorporar tamén pasos elevados para os peóns ou ben pasos regulados con semáforo para garantir a seguridade das persoas no momento de atravesar a estrada”.

Tamén fai referencia ao lugar de Razamonde, “onde os veciños e veciñas reclaman a instalación de dous pasos de peóns, ben pasos elevados ou ben pasos con semáforo”, e que, nos núcleos de Xubín e Trasariz, tamén atravesados pola N-120, “é preciso acometer tamén actuacións de mellora e instalar o seu respectivo paso de peóns elevado ou regulado con semáforo”.

“Estas medidas permitirán mellorar a seguridade viaria, adaptarse ás normas de tráfico e ofrecer á cidadanía condiciones máis adecuadas e seguras para a súa mobilidade cotiá”, conclúe Carmen Da Silva.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------