O equipo Mosquera-Ferreiro de Clásicos Arenteiro levouse a vitoria no ‘XXI Rallye Rías Altas’ de Guitiriz

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A escudería Clásicos Arenteiro do Carballiño voltou triunfar e desfrutar dun gran éxito noutra competición, neste caso no ‘XXI Rallye Rías Altas’ celebrado en Guitiriz nesta pasada fin de semana. Así, o equipo integrado por José Manuel Mosquera e José Manuel Ferreiro, cun Audi Gt Coupé, levábase o primeiro posto por diante da dupla Diego López-Miky Caldas.

Outro equipo do clube automobilístico da nosa vila, Beatriz Estévez-Santiago Ruibal, cun Golf Gti, facíanse co terceiro posto no podio, mentres na 5ª posición sitúabanse tamén pola escudeería carballiñesa Conchi Cibeira e Lucas Guzmán cun Opel Kadett Gsi.

Nos seguintes postos da clasificación destacábasse, no 7º, Víctor Grande-Sonia Soto, un equipo que voltaba á escena dos rallis de regularidade, mentres o dúo Julio Rodríguez-Marina Sampayo, con BMW, acadaban a 11ª posición na táboa clasificatoria.

Dende Arenteiro Clásicos subliñan que a organización desta competición de Guitiriz foi impecable e que tanto participantes coma espectadores desfrutaron dun gran evento de regularidade histórica, “sentíndonos moi orgullosos dos nosos equipos polos resultados obtidos”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------