O fotoxornalista Gervasio Sánchez imparte unha charla o sábado no Casino dentro do ‘Arenteiro Fotográfico’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A oitava edición do ‘Arenteiro Fotográfico’ continúa no Carballiño a súa andaina neste mes de outubro baixo a organización da asociación O Potiños e cun total de 17 exposicións que se poden visitar ata o 26 de outubro nas salas do Auditorio Manuel María. Alba R. Chan, Ale Megale, Ana Iglesias, Aurora Soler Vidal, Cristina Abilleira, Grupo Bazán, o IES Chamoso Lamas, Jota Barros, María Tudela, Reflexos, O Potiños en Marrocos e en Branco e Negro, Roberto Steinbrüggen, Xaime Cortizo e Fotosíntese, ademais dos tres premiados no Concurso Fotográfico 2024, entre outras, integran a variada mostra de propostas artísticas nesta edición de 2025.

A porgramación de actividades prevista polo colectivo de fotógrafos terá o seu punto álxido este vindeiro sábado, día 11, coa presenza do afamado fotoxornalista Gervasio Sánchez, que ás 17,00 horas protagonizará unha master class no salón de actos do Casino Cultural e Recreativo do Carballiño. Tódalas persoas interesadas en asistir poden inscribirse de xeito gratuíto na dirección info@potinos.com, xa que aínda quedan prazas libres ata completar o aforo.

Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959), licenciouse en 1984 na rama de xornalismo na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Auitónoma de Barcelona, traballando despois como xornalista independente para varios diarios e revistas especializadas en conflitos armados. Así, ata 1992 cubríu a meirande parte dos conflitos de América Latina, ademais de ser enviado especial do diario Heraldo de Aragón tanto na Guerra do Golfo coma na antiga Iugoslavia, África, Asia e Latinoamérica.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------