Editorial : ¡¡¡ ASÍ NON !!!

Borrachera luns pola noite

Aínda só pasaron dous días dende que o Goberno declarase vixente en Galicia a Fase 1 da desescalada do COVID 2019 e non podemos deixar de asombrarnos da capacidade de esquecemento e, nalgúns casos, da insensatez á que podemos chegar os seres humanos.

Un quédase sorprendido cando informan de como unha persoa portadora do coronavirus é quen de saír de paseo polas rúas do Carballiño sen ningún tipo de protección, poñendo en risco a vida daquelas outras que poderiamos cruzarnos no seu camiño, sen pararse a pensar de que a súa aventura arrepiante pode rematar con non se sabe cantos de nós infectados e que, aínda que compartimos solidariamente a súa enfermidade, non queremos compartir nos nosos corpos o seu virus maldito.

Tampouco se entende como, despois de dous meses de obrigado encerro, agora que podemos saír a tomar o desexado café ou o viño ó noso bar de sempre, ver ós amigos, falar un pouco e practicar esta sinxela e necesaria liturxia, convertamos nun descontrol  as terrazas ateigadas, sen ningún tipo de distancia de seguridade, sen ningún tipo de protección, ata con algúns excesos etílicos visibles e, por suposto, sen poñer en dúbida a preocupación dos seus propietarios que se ven desbordados. Que dicir deses paseos fóra de horario, tamén sen ningunha precaución de protección sanitaria, masificados, en grupos de non se sabe cantos membros e nos que se mesturan nenos, pais e avós…

Publicidade Premer na Imaxe

Parece como se xa rematase todo este mal soño e que a normalidade volvera e fose xustamente a que non é: todos temos ganas de volver á nosa vida de sempre, á que coñecemos dende que nacemos, pero o noso desexo non se axusta á realidade que toca vivir. As normas fanse para seren cumpridas e os cidadáns estamos obrigados á súa obediencia pero, o máis importante, agora é a nosa responsabilidade como membros dunha sociedade e o respecto polos nosos profesionais da sanidade, veciños, familiares, amigos e demais persoas implicadas nesta dura batalla que esfórzanse, día a día, coas súas privacións, o seu compromiso  e o seu sacrificio para poder vencer esta pandemia.

Temos avanzado moito nestes dous meses pero isto non rematou, aínda segue habendo moitas persoas mortas a diario e non sería nada bo volver dar pasos atrás. Non estaría de máis botar unha ollada ós nosos ditos populares e lembrar aquel de “sentidiño e responsabilidade!”.