Exposición “Seica na Coruña” de Xesús Carballido

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Arroupado por unha importante presenza de familiares e amigos carballiñeses, xentes da política, da cultura e amantes e estudosos da arte, o día 8 deste mes de outubro inaugurouse no emblemático e mítico Kiosco Alfonso da Coruña a exposición Seica na Coruña coa que o artista carballiñés Xesús Carballido achega ó público coruñés a maior mostra de obras nacidas da súa habilidade e imaxinación.

Carballido, xa afeito nestes últimos anos a recibir o recoñecemento público da súa valía artística nas mellores salas expositivas de Galicia (véxase Fundación Granel, Museo do Mar de Galicia, Museo do Pobo Galego, Fundación Barrie, etc.), tiña pendente unha cita especial nun dos lugares máis cotizados e cobizados polo mundo da arte: o Kiosco Alfonso. Neste lugar Xesús Carballido terá expostas ata o 8 de decembro preto dun cento de obras nas que poderemos coñecer a súa evolución artística ó longo de case catro décadas e contemplar a súa creatividade baseada nun facer moi diferencial, propio e chocante con respecto a outros creadores coetáneos.

Nun acto no que abriu a quenda de intervencións o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que “o Goberno da alcaldesa Inés Rey, continúa poñendo a disposición da cidadanía exposicións dos grandes artistas galegos nos espazos municipais”, ó tempo que gabou a personalidade creativa do noso conveciño Carballido ó que cualificou como   “creador dunha perspectiva única, dun artista único e distinto”. A comisaria da Exposición, Marta Lucio, falou da capacidade de creación e da portentosa imaxinación que Carballido pon nas súas obras convertendo, deste xeito, calquera obxecto da vida diaria nun potencial elemento artístico ó tempo de sentirse orgullosa de ter asumido a comisaría desta exposición. Finalmente, o Director Xeral de Polìtica Lingüística, Valentín García, comentou que este tipo de eventos fan grande a nosa Cultura e propician a participación e colaboración entre as Administracións pra achegar e dar a coñecer o valor da arte e do artista.

Finalmente, o numeroso público percorreu acompañados polo propio Carballido os distintos elementos expostos nun marco incomparable e sorprendeuse da numerosa obra que compón a mostra, case poderiamos dicir que antolóxica, nos que destaca a progresión dun artista ó longo dun amplo período de tempo, nunha perspectiva na que sorprende a fidelidade no tempo á súa primitiva elegancia técnica e da intelixencia e gusto do mesmo que agardemos que O Carballiño algún día poida contemplar e valorar neste artista consagrado noutros lugares do noso país.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------