O PPdeG salienta que Ourense foi a provincia na que máis apoio recibiron da Xunta as súas asociacións veciñais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os deputados do Grupo Popular Argimiro Marnotes e Noelia Pérez mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Veciños de Santa Uxía de Lobás, no concello do Carballiño, entidade que figura entre o cento de entidades da provincia de Ourense que se beneficiaron este ano das axudas concedidas polo Goberno galego para estas organizacións. En total, Ourense foi, con máis de un millón de euros, a provincia galega na que a Xunta repartiu máis orzamento para apoiar o funcionamento e mellora das entidades de participación cidadá.

A través do Plan específico de acción comunitaria, o Goberno galego repartiu entre 99 asociacións da provincia de Ourense máis de un millón de euros para a realización de obras de mellora, acondicionamento e adquisición de equipamento para os seus locais sociais.

Durante a visita á Asociación de Veciños de Santa Uxía de Lobás, Argimiro Marnotes e Noelia Pérez comprobaron o resultado das obras realizadas no se local social, que permitiron mellorar as instalacións e facilitar o uso deste espazo por parte de todos os veciños. Nese sentido, os representantes do colectivo amosaron a súa satisfacción tanto polo apoio recibido pola Xunta como pola axilidade do proceso de tramitación.

Os deputados populares destacaron que Ourense é un exemplo de participación e compromiso veciñal e subliñaron que detrás de cada proxecto hai persoas que dedican tempo, esforzo e ilusión por mellorar a súa contorna.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------