Os socialistas acusan á Xunta de vulnerar o dereito á folga do persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais

Martín Seco leva ao Parlamento as “presións, coaccións e represalias” por parte do goberno galego contra os traballadores que levan 27 meses reclamándolle a Medio Rural que abra as negociacións

Publicidade

. O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que o goberno galego dea conta do conflito laboral co persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Seco alerta de “presións, coaccións e represalias” por parte do goberno galego vulnerando o dereito á folga convocada o pasado 1 de agosto por estes traballadores.

O responsable socialista mantivo un encontro telemático cos representantes sindicais de UGT, CC.OO. e CIG, aos que lles presentou as iniciativas parlamentarias nas que advirte de que o persoal leva máis de 27 meses reclamándolle á Administración que se sente a negociar.

Criticou que a Consellería segue a desoír os permanentes chamamentos ao diálogo, evitando reactivar a Mesa de negociación aberta o 9 de agosto de 2019. Este órgano, convocado para actualizar o Acordo sobre as condicións de traballo, vixente dende 2008, foi paralizada logo de que a Consellería tan só propuxera “meros retoques”.

Sinala que “quedou patente que despois de 2 anos desde que pediran a negociación das condicións laborais, a Consellería non foi capaz de elaborar unha proposta integral de reorganización sobre a que se poida negociar”. Esta situación derivou na convocatoria da dita folga, na que os traballadores pedían entre outras cousas aumentar o cadro de persoal, regular o traballo en festivos e fins de semana ou garantir 2 semanas de vacacións no verán.

Os sindicatos denunciaron “incumprimentos e comportamentos ilícitos” por parte da Consellería no transcurso da folga, externalizando a dirección dos contratos de obra e substituíndo ao persoal, impoñendo cambios nos calendarios laborais, presións e coaccións para a elaboración de informes. Tamén alertan de represalias por parte da administración, que aplicou descontos salariais que consideran “ilegais” nos días de traballo por servizos mínimos.

Esta situación levou ao comité de folga a presentar unha demanda xudicial pola vulneración grave dos seus dereitos, “así como a posible prevaricación do conselleiro e da secretaria xeral técnica de Medio Rural”, logo de constatar a “externalización” da dirección de obras, nun exemplo de “esquirolismo patronal”.

Retomar o diálogo

Os socialistas urxen á Consellería a convocar de inmediato á mesa de negociación para actualizar o acordo sobre as condicións de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, abandonando os “comportamentos que vulneran o dereito á folga” destes profesionais. Tamén reclama “avaliar e corrixir os criterios aplicados para os descontos excesivos en nómina dos traballadores e traballadoras que participan na dita folga”.