O siderometal ourensá vai á folga o 15 e 16 de outubro por un convenio colectivo digno

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Varios centos de persoas traballadoras do sector mobilizáronse onte polas rúas da cidade para reclamar unha melloras das condicións laborais

Ourense, 10 de outubro de 2025.

O persoal do siderometal da provincia de Ourense acordou en asemblea convocar folga para os días 15 e 16 de outubro ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo por parte da patronal, que insiste en propostas regresivas que contemplan unha suba salarial insuficiente e un aumento da xornada laboral. Varios centos de persoas traballadoras do sector mobilizáronse onte polas rúas da cidade para reclamar unhas condicións dignas e un incremento de soldos xusto.

Dende a CIG-Industria acusan o empresariado de buscar a confrontación como na anterior negociación do convenio coas súas propostas, polo que a parte social, nun intento de desbloquear as conversas, achegou unha contraoferta o pasado 8 de xullo que non foi respondida até o 1 de setembro. Na súa resposta a patronal remítese á proposta do 21 de maio, que contempla un convenio a tres anos (2025, 2026 e 2027) cunha suba salarial total do 7,5% máis unhas pequenas cantidades dun plus de asistencia nos dous últimos anos. “Non queremos plus de asistencia efectiva, o que queremos é incremento do salario base e carencia de incentivos”.

En canto á actualización de soldos, o empresariado pretende que a cláusula IPC se aplique se a suma do IPC dos tres anos supera o 9,5%. Neste caso a actualización a táboas sería dun máximo de tres puntos. Ademais, propón un día máis de traballo anual que en 2024.

As centrais, pola súa banda, apostan por un convenio a dous anos cun incremento de soldos de 100 euros ao mes en 2025 e da mesma cantidade en 2026, así como pola actualización anual a IPC real sen topes. E por unha xornada anual de 1712 horas.

Ante a negativa do empresariado, a CIG e UGT decidiron iniciar un calendario de mobilizacións, celebrando até o de agora unha concentración e onte mesmo unha manifestación, que percorreu a cidade dende a Casa Sindical até a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Agora optan por convocar dúas xornadas de folga, que poderían incrementarse no caso de que a patronal insista nas súas propostas regresivas en salarios e dereitos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------