O BNG solicita a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión da auga por parte do Concello de Cenlle

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

No pleno extraordinario e urxente celebrado hoxe, 13 de outubro, o grupo municipal do BNG de Cenlle solicitou oficialmente a creación dunha comisión de investigación para esclarecer a xestión da auga e determinar as responsabilidades políticas derivadas da débeda e sancións impostas a causa da neglixencia dos gobernos municipais do Partido Popular. Segundo denunciou o BNG, o Concello de Cenlle foi sancionado por Augas de Galiza con máis de 236.000 euros, e despois de que o Concello aportara hoxe mais datos, o grupo nacionalista comprobou que esta cifra vai incrementarse, podendo pasar dos 300.000€ debido a que, desde o ano 2018, non ingresou o canon da auga recadado á veciñanza, malia figurar cobrado nos recibos.

O portavoz nacionalista, Xosé Gabriel Alberte, subliñou que “non pode ser que tres alcaldes distintos do PP durante sete anos deixasen sen pagar o canon e que agora ninguén saiba onde foron parar os cartos que saíron dos petos da veciñanza”. Por este motivo, o BNG considera imprescindíbel abrir unha investigación política, independentemente da vía xudicial aberta, para aclarar as posibles vinculacións e responsabilidades directas dentro do Partido Popular de Cenlle.

O BNG lembra que leva tempo advertindo da mala xestión do PP, que agora se traduce nun incremento do 5% no recibo da auga e nunha carga adicional de 162 euros por fogar para facer fronte á multa. O BNG reitera que estes custes non deben recaer sobre a veciñanza, senón sobre quen provocou esta situación.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------