Aberto o prazo para que a mocidade da provincia solicite a axuda da Deputación dentro do Plan de Lectura

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Máis de medio cento de establecementos comerciais de toda a provincia se adheriron a esta iniciativa para a adquisición de libros, que comeza mañá o período de inscrición

O obxectivo do programa é potenciar os hábitos de lectura e o acceso á cultura dos menores empadroados en concellos ourensás

A contía máxima da axuda é de 20 euros por persoa e é compatible con axudas da mesma finalidade que promovan outras institucións

Ourense, 14 de outubro de 2025.

O plan de lectura provincial, impulsado pola Deputación de Ourense, abre mañá o prazo para que as persoas menores de idade empadroadas en concellos da provincia poidan optar a axudas para adquisición de libros en establecementos comerciais da provincia. Este programa, cuxo investimento ascende a 350.000 euros, ten o obxectivo de potenciar os hábitos de lectura e o acceso á cultura dos mozos ourensáns.

Tal e como recollen as bases do programa, no que colabora o Concello de Ourense, as adquisicións de libros realizaranse desde mañá, 15 de outubro, ata o 20 de decembro de 2025. Para poder recibir a axuda deberá realizarse unha solicitude a través de https://plandelectura.depourense.gal.

As axudas, que consisten nun libro por persoa cun custo máximo de 20 euros, poden solicitarse nos establecementos comerciais que se adheriron ao programa. Trátase de máis de medio cento de librerías de toda a provincia as que se uniron ao plan. O listado dos establecementos está dispoñible na web do Plan de Lectura.

Precisamente, con motivo da apertura do prazo para que os mozos soliciten as axudas, o departamento de Cultura da Deputación de Ourense organizou hoxe unhas xornadas informativas no Centro Cultural Marcos Valcárcel para os establecementos comerciais adheridos.

Durante esta reunión, as librerías coñeceron o funcionamento da concesión das axudas e resolveron dúbidas de cara a posta en marcha do Plan de Lectura.

Ademais, os establecementos comerciais disporán dun cartel informativo do Plan de Lectura da Deputación.

Beneficiarios

O Plan de Lectura Provincial está destinado aos mozos da provincia nados no ano 2007 en adiante, empadroados en algún concello da provincia de Ourense. As axudas son compatibles con calquera outra que puidese percibir coa mesma finalidade doutras institucións públicas ou privadas.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------