O grupo de goberno do Concello de Cenlle, respecto ás irregularidades detectadas no canon da auga vén de difundir un comunicado co que desexa informar á veciñanza:
“Dende o primeiro momento en que se tivo coñecemento dos feitos, informouse a todos os concelleiros do Pleno, incluídos os grupos da oposición (BNG, PSOE e Compromiso por Galicia). A continuación, abríuse un expediente de investigación administrativa, xa posto a disposición da Fiscalía, co obxectivo de esclarecer os feitos e depurar responsabilidades canto antes.
O grupo de goberno, firme defensor da claridade e da transparencia, pide a todos os representantes públicos prudencia e responsabilidade institucional, para que o proceso xudicial se desenvolva con normalidade e respectando a presunción de inocencia das persoas afectadas. Tal e como saben todos os grupos municipais, este asunto non implica a ningún membro do grupo de goberno. Cómpre agora agardar polo resultado da investigación xudicial, que será quen determine as responsabilidades e poña a cada quen no seu lugar.
Pedimos seriedade e respecto: non é momento de frivolizar nin de xogar coa reputación das persoas. En xogo están vidas, familias e compromisos persoais que merecen consideración e respecto. En canto aos rumores e publicacións en redes sociais sobre supostos incrementos na tarifa da auga ou noutros impostos, desmentímolos rotundamente. Trátase de informacións falsas e malintencionadas, e o Concello resérvase o dereito de emprender accións legais ante calquera práctica difamatoria.
O goberno de Cenlle seguirá traballando con transparencia, rigor e compromiso coa veciñanza, defendendo sempre os intereses comúns de todas e todos”.