O PSDEG sinala que o desleixo da Xunta provoca un “grave problema de saúde pública” pola contaminación do pantano das Conchas

 O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe á Xunta de “desertar das súas competencias” durante os últimos 13 anos, eludindo tomar medidas fronte á contaminación por xurros do pantano das Conchas, en Bande e Muíños. Seco presentou unha pregunta oral na que advertiu que o desleixo do goberno galego ten provocado un “grave problema de saúde pública” pola situación das augas do pantano.

O responsable socialista criticou que o director xeral de Gandeiría comparecera hoxe na Comisión de Agricultura para eludir dar ningún tipo de resposta, o que “evidencia a súa falla de argumentos, o fracaso da xestión medioambiental do goberno galego, cunha conselleira que non asume as súas competencias e unha Consellería do Medio Rural que evita calquera tipo de responsabilidade”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A falla de reposta, dixo, evidencia que “recoñecen por omisión que carecen de proxectos para a mellora da situación do pantano das Conchas”. Lembra que o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica publicou en maio un mapa de contaminación por nitratos incluíndo dous puntos neste acuífero, o que confirma as alertas emitidas pola Comisión Europea entre os anos 2016 e 2019, malia o que o goberno galego “decidiu non facer nada”.

Seco sinala que o pantano leva “décadas acumulando contaminación por fósforo e nitratos dos xurros, fertilizantes e residuos das explotacións gandeiras da comarca, a de maior densidade de granxas de porcos e polos de Galicia”. Sen embargo, o goberno galego “non tomou ata o día de hoxe ningún tipo de medida preventiva nin paliativa que faga fronte a esta situación”, e ademais “din que pensan seguir dilatando o problema”.

Piscinas e cacicadas

Denunciou que a única medida que teña tomado o goberno galego ata o momento fora aproveitar o proxecto de mellora da calidade das augas encetado en 2013 pola Confederación Hidrográfica, daquela con goberno de Rajoy, para construír unha instalación de dúas piscinas e o reacondicionamento das termas romanas de Porto Quintela, en Bande.

Aquela actuación supuxo un custe de máis de un millón de euros, mentres a recuperación ambiental das augas do pantano só recibiu 30.200 euros para instalar unha illa flotante vexetal duns poucos metros cadrados para filtrar os tóxicos de 30 millóns de metros cúbicos de auga. Este mesmo ano, engadiu, “tamén observamos como o Consello de Contas alertou de que deixaron sen executar máis do 40 por cento do proxecto europeo Life Rexenera Limia”.

Apunta que logo de 13 anos de desleixo da Xunta a situación “converteuse en insostible”, e alerta de que “os máis prexudicados se no se toman medidas van ser os cidadáns da Limia, que non van ter auga limpa, e a UE acabará tomando medidas drásticas”. Reclamoulle ao goberno galego que tome medidas “para axudar á comarca da Limia a ter uns acuíferos limpos, e non enterrar millóns de euros para financiar as cacicadas de Baltar”.