O Grupo Socialista apunta que a Consellería de Sanidade “está desbordada” e os profesionais “ao límite”, trala dimisión da xefa de Medicina Interna do CHUO

Julio Torrado acusa ao Sergas de “falla de planificación” e pide “unha política seria en sanidade, especialmente en materia de recursos humanos”

O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, apuntou hoxe, trala dimisión da xefa de servizo Medicina Interna do CHUO, que a Consellería de Sanidade “está desbordada” e os profesionais sanitarios “ao límite”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Tras anos de recortes e precarización por parte da Xunta en materia sanitaria, o Sergas atópase cun problema sen saída do que é directamente culpables pola súa mala planificación e desleixo que levamos anos denunciando, tanto dende o Grupo Socialista como as diferentes organizacións sanitarias”, alertou o deputado do PSdeG.

Neste marco, incidiu, en que o “problema” que se fixo público hoxe “vén xestándose dende hai moito tempo no servizo de Medicina Interna dos hospitais galegos e ten que ver directamente coa falla de recursos humanos, evidenciando así un problema entre os profesionais e Consellería, ao igual que está pasando na Atención Primaria”.

Con todo, Torrado sinalou que o servizo de Medicina Interna dos hospitais “é o piar integrador de todo o sistema hospitalario” e, de feito, “enténdese como a Atención Primaria dos hospitais porque todo paciente, nalgún momento do proceso hospitalario, ten contacto co servizo”, o que deixa claro que “precisamos servizos de Medicina Interna fortes”.

A CONSELLERÍA “TEN QUE ESQUECER A POLÍTICA SANITARIA PENSADA EN BASE AOS TITULARES DE PRENSA”

“A Consellería de Sanidade ten que esquecer a política sanitaria pensada en base aos titulares de prensa e centrarse nos problemas reais, reforzando os medios necesarios, especialmente os recursos humanos”, sentenciou, xa que “Galicia precisa dunha política seria en sanidade”.

Por último, o socialista esixiu á Xunta “que non se parapete, ao igual que fixo noutras situacións, botando balóns fóra con respecto á problemática que está vivindo o CHUO e dicindo que non hai problemas”. Fronte a isto, urxiu ao Executivo autonómico que “atenda as necesidades que existen e que demandan os propios profesionais”, como redimensionar os cadros de persoal e dotalos de máis recursos e medios.