O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Carballiño que habilita o uso sanitario do terreo onde se atopa a actual estación de autobuses para a construción do novo Centro de Saúde nesa parcela da avenida do Balneario.
Esta modificación urbanística, promovida polo Concello do Carballiño e aprobada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, adapta a ordenanza municipal número 9 —equipamentos e dotacións— para habilitar o uso sanitario do terreo. Con este paso, complétase o proceso administrativo necesario para facer realidade unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e que suporá un salto cualitativo na atención sanitaria do municipio e da súa comarca.
O novo centro de saúde (que se construirá onde actualmente está a Estación de Autobuses) duplicará a superficie do actual, pasando dos 1.800 aos 4.500 metros cadrados, e permitirá mellorar de forma notable as condicións asistenciais tanto para os máis de 20.000 pacientes que reciben atención neste centro como para os profesionais que nel traballan. As novas instalacións incorporarán áreas de saúde bucodental e mental, así como salas de críticos e observación no Punto de Atención Continuada (PAC).
O alcalde, Francisco Fumega, destacou que a publicación no DOG da aprobación definitiva “certifica que o traballo conxunto e a colaboración institucional dan froitos concretos en beneficio da cidadanía”. Fumega subliñou tamén “a importancia deste proxecto para mellorar os servizos públicos e consolidar a vila como referente comarcal na atención sanitaria”.
O Concello do Carballiño foi quen de adaptar o planeamento urbanístico ás necesidades do proxecto, axilizando os trámites e facilitando a cesión da parcela da antiga estación de autobuses, que pasará a ter uso sanitario. Ademais, o plan prevé reservar un espazo libre de 1.000 metros cadrados para aparcadoiro en superficie, atendendo á demanda de prazas vinculadas ao futuro centro de saúde.
Esta actuación é froito da colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia, que asumirá a execución da obra unha vez completados os trámites urbanísticos e de cesión da parcela. “Desde o Concello fixemos o que nos correspondía: poñer o solo a disposición e adaptar o plan. Agora, o seguinte paso será ver como ese traballo se traduce nun centro moderno, funcional e pensado para o futuro da nosa vila. Todo queda pendente de que a Xunta remate a redacción do proxecto e adxudique a súa construción, algo que esperamos se produza o antes posible”, concluíu Francisco Fumega.
Con esta publicación no DOG, O Carballiño dá un paso decisivo para facer realidade unha das infraestruturas máis esperadas pola veciñanza e continúa avanzando na mellora dos servizos públicos e da calidade de vida no municipio.