O PSdeG-PSOE de Cenlle considera “insuficientes” as explicacións do goberno municipal do Partido Popular pola “trama” do canon da auga e esíxenlles que lle aclaren á veciñanza “onde foron a parar eses cartos”. As e os socialistas critican que no pleno extraordinario celebrado esta semana “non se aclarou para nada a situación do que se fixo con eses cartos e só se deu conta das diferentes sancións que o concello terá que abonar en multas e recargos a Augas de Galicia”.
Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que a “neglixente” xestión dos diferentes alcaldes do PP, empezando por Gabriel Alén e seguindo polos seguintes rexedores provocou que o concello teña agora que asumir o pago destas multas e recargos con cargo ás arcas municipais. Asemade lembran que xa en 2019 “preguntámoslle ao entón alcalde, o señor Alén, que estaba acontecendo co canon e respondeu que se estaba pagando, algo que é obvio que non se estaba facendo, vendo as multas as que agora temos que facer fronte”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Cenlle, María Ángela González Pérez, fai fincapé en que “estamos ante un posible caso de malversación de fondos públicos”, xa que tal e como apunta “os cartos do canon da auga figuran como pagados, pero a realidade é que nunca se abonaron”. A edil socialista pon o foco no aumento da contía que o concello terá que abonar “fai unha semana falábamos de máis de 170.000 euros, pero tralo pleno extraordinario puidemos comprobar que esta cifra disparouse ata preto dos 300.000”.
As e os socialistas indican que esta “trama” do canon da auga “está xa xudicializada” e tal e como apuntan “agardamos que a xustiza actúe e investigue o acontecido con estes cartos”. A pesar da vía xudicial, dende o PSOE de Cenlle esíxenlle ao PP “medidas políticas” para que os responsables desta “nefasta” e “neglixente” xestión respondan por uns feitos acontecidos dende o ano 2015. Neste senso tamén se preguntan “que fixeron os tres alcaldes do PP durante estes 6 anos?” e “quen tomou a decisión de non pagar o canon?”.
Por outra banda, o PSdeG-PSOE de Cenlle amósase “moi crítico” co comunicado oficial difundido onte polo goberno municipal. Neste senso subliñan que “estamos ante un comunicado que é máis propio do PP que dunha conta oficial como o concello de Cenlle” e lémbranlle á alcaldesa e o seu equipo que as redes sociais municipais “están ao servizo de toda a veciñanza e non ao servizo do Partido Popular”.As e os socialistas consideran “inadmisibles” varios puntos que se mencionan no comunicado e sinalan que “hai varias ameazas con emprender accións legais contra aqueles que falen do caso”. Unha circunstancia que para as e os socialistas “é o vivo exemplo do que pretende o PP, que é silenciar á veciñanza e que non se fale de onde foron os cargos para, deste xeito, tratar de tapar a súa neglixente xestión e as súas vergoñas”.