O BNG do Carballiño vén de anunciar que solicitará por escrito ao Goberno Municipal información detallada sobre a situación da presa de Beneres, situada no río Arenteiro, na parroquia de San Miguel da Piteira, tras ter coñecemento por diversas fontes da súa posible demolición. Desde o BNG lembran que esta infraestrutura foi considerada estratéxica por anteriores gobernos municipais, tanto do PP como do PSOE, xa que se trata da última reserva de auga antes da captación para o abastecemento dos concellos do Carballiño e Maside.
Mesmo se chegou a propoñer a súa ampliación a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para garantir a subministración en épocas de seca como a actual.
Os nacionalistas apuntan que “ademais do seu valor funcional, a presa ten un enorme valor patrimonial e ecolóxico, ao tratarse
dunha construción con séculos de historia, integrada no ecosistema do río Arenteiro. A súa existencia inflúe directamente na supervivencia e reprodución de especies piscícolas, así como na conservación da vexetación de ribeira e doutros seres vivos adaptados á súa presenza.
Así é que, diante da incerteza sobre o futuro desta infraestrutura, o BNG do Carballiño solicita ao goberno municipal que informe á veciñanza se o Concello solicitou á Confederación Hidrográfica a limpeza, arranxo ou ampliación da presa, e se ten coñecemento da intención de proceder á súa demolición. Asemade, preguntan “qué actuacións se teñen levado a cabo ou se teñen previsto para frear esta posible actuación, que podería comprometer o abastecemento de auga e suporía a perda dun ben histórico e ambiental de grande valor”.
Desde o BNG insisten en que “non se pode permitir que, en plena crise climática e en tempos de seca, se destrúa unha infraestrutura que podería xogar un papel fundamental no abastecemento futuro de auga potable”, e esixen “transparencia e actuacións decididas por parte do Goberno local”.