O padrón municipal do Carballiño superou por vez primeira na súa historia a cifra dos 15.000 habitantes, consolidando así un crecemento poboacional nas últimas décadas e ratificando a vila do Arenteiro como segundo núcleo da provincia de Ourense despois da capitalidade. O alcalde, Francisco Fumega, e o tenente de alcalde, José Castro, comparecían esta mañá en rolda de prensa para realizar unha valoración deste feito histórico.
Fumega apuntou que “iste era un dos obxectivos que nos marcamos dende o goberno municipal e tamén na campaña de empadroamento que puxemos en marcha”. O alcalde engadíu que “é un síntoma de que O Carballiño medra e que ten futuro, xa que somos capaces de xerara emprego e atraer non só a xente da comarca ou da provincia, senón tamén de toda Galicia e do extranxeiro”. A iste respecto, Fumega subliñou que “ademais da poboación migrante de Latinoamérica, tamén estamos a rexistrar empadroamentos de persoas chegadas dende África e que veñen a traballar ao Carblliño”.
A nivel de cifras, o municipio carballiñés acadaba os 10.000 habitantes en 1979; 11.000 en 1986; 12.000 en 1988; 13.000 en 2003 e, finalmente, os 14.000 no 2009, “o que indica que tardamos 16 anos en crecer mil habitantes”, lembrou o alcalde. “O Carballiño conquire esta cifra destacándose como senlleiro no panorama demográfico da provincia e de Galicia, na que a meirande parte das vilas está a perder poboación nestes últimos anos”.
Pola súa banda, José Castro indicou que “non nos podemos quedarnos aí, O Carballiño ten que mirar cara o futuro e seguir crecendo”. Neste sentido, o tenente de alcalde salientou que “proxectos coma o novo Centro de Saúde e a ampliación do parque empresarial serán determinantes”. Castro avogou por “seguir traballando para que O Carballiño medre”, e salientou o feito de que se están a construír novas vivendas.