PLATAFORMA LOITA PEDIATRICA DA LIMIA
O martes día 2 de Xullo de 2024 a plataforma reuniuse co Xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco: José Santiago Camba Bouzas.
Despois da nosa sorpresa inicial por descubrir que a nosa comarca non estaba entre as súas preocupacións, explicámoslle a situación laboral dos dous titulares da praza. Non podemos esconder a nosa decepción. En primeiro lugar, porque el non se tiña interesado en ter información actualizada, algo que consideramos é unha parte importante do seu traballo. En segundo lugar, porque os representantes do concello (alcalde, tenente alcalde e concelleira de asuntos sociais e sanidade), tendo a oportunidade de expresar ante o Conselleiro e o Xerente a alarmante situación á que nos vemos abocados nuns meses, non o fixeron.
O verán vaise cubrir con profesionais non pediatras, con non máis de 2 horas e media por cupo. Parece ser que dá igual que sexamos unha comarca na que aumenta a poboación infantil en xullo e agosto.
Que pasará despois do verán? Que aguante Luís o que lle boten?
Non queremos isto nin para os nosos fillos e fillas nin para os nosos sanitarios e sanitarias!!!!
Que pasará cando se xubile Luís? Non hai unha proposta real de que sexa reemprazado por outro pediatra. Isto é un servizo digno para 1700 nenos e nenas? Isto é o que nos ofrecen para o futuro sanitario dos nosos peques? Non nos valen escusas!!
Soamente queremos agradecerlle ao Xerente que nos recibise, o Conselleiro Antonio Gómez Caamaño estará a outros asuntos.
- Os nosos políticos locais son incapaces de coñecer a situación de primeira man e trasladar a urxencia de pediatría na nosa comarca.
- O verán vaise cubrir con parches.
- Nunca vai volver haber 2 prazas cubertas por pediatras en Xinzo.