A oficina de Emprego e o Polo de Emprendemento compartirán espazo no antigo Centro Comarcal

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) do Carballiño. Alí destacou o labor que desenvolve na atención ás persoas demandantes de emprego da contorna e avanzou que en 2026 se licitarán cun orzamento de preto de 2M€ e poñerán en marcha as obras para o seu traslado a un novo espazo no edificio do Centro Comarcal do Carballiño, dotado con máis de 900 m2 e que compartirá co Polo de emprendemento xa operativo alí.

José González destacou que esta actuación, que abranguerá tamén o acondicionamento exterior deste espazo, queda enmarcada no Plan de modernización de infraestruturas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración —que abrangue tanto as oficinas de emprego como os centros de formación dependentes— e que contará cunha partida nos Orzamentos de 2026 de arredor de 8 M€, consolidando o esforzo deste ano.  

No caso do Carballiño, o conselleiro subliñou que o proxecto de integrar nun mesmo edificio a oficina de emprego e o Polo non é casual, xa que permitirá crear un espazo único de empregabilidade e talento, favorecendo as sinerxías entre o emprego por conta propia e allea, respondendo ás necesidades do tecido empresarial da contorna.  

No marco do proceso de modernización do SPEG, González tamén salientou que a oficina do Carballiño —que atende os municipios do Carballiño, Boborás, Beariz, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea— conta ademais con ferramentas como EMi co obxectivo de casar de xeito máis eficaz as competencias das persoas demandantes de emprego coas necesidades do tecido produtivo. Esta ferramenta xa permitiu o perfilado competencial de máis de 79.000 persoas en Galicia, arredor de 16.000 persoas en Ourense. En canto ao Polo do Carballiño, puxo de relevo que é un dos catro activos na provincia —xunto cos de Baños de Molgas, O Barco e Verín— e xa axudou á creación de medio cento de empresas. Unha folla de ruta que avanzará no 2026 cun apoio autonómico de medio millón de euros, dos que 120.000 euros irán destinados ao polo desta vila.

O conselleiro destacou que o novo espazo incrementará as oportunidades laborais con impacto no territorio. Un eixo fundamental da Consellería que, sinalou, avanzará o vindeiro ano no desenvolvemento das políticas que permitan potenciar as oportunidades laborais dos galegos e galegas —xa sexa por conta propia ou allea—, a atracción de talento ou o pulo ao comercio local. Un traballo enmarcado dentro dos Orzamentos da Xunta para 2026, que por primeira vez superan os 14.000M€ (14.240M€), cun incremento de 300M€ que irá destinado ao 100% ás áreas sociais —Política Social, Educación, Sanidade e Emprego—, que en total reciben 3 de cada 4 euros das contas.  

Compromiso coa empregabilidade na provincia de Ourense

O conselleiro reafirmou a aposta da Xunta por Ourense nos orzamentos de 2026, compromiso reforzado dende a Consellería de Emprego. Así, no ámbito da empregabilidade, destacou que está en licitación a futura oficina de emprego de Ourense A Ponte, que disporá dun novo espazo nun local de propiedade autonómica de 1.414 m². Este esforzo súmase ás iniciativas de apoio ao comercio, como o desenvolvemento do proxecto Vilas vivas en Ribadavia ou o apoio á recuperación do edificio histórico da Praza de Abastos nº1 de Ourense, para o cal se consignan 1,2 M€ nos orzamentos de 2026 e se reservan outros 200.000 para o 2027 dentro do compromiso da Xunta cun proxecto para o que manifesta a súa man tendida ao Concello de Ourense. Finalmente, González subliñou que a colaboración coas entidades locais en materia de emprego e formación seguirá sendo clave, mediante programas como Aprol Rural ou os Obradoiros de emprego, e que contarán cun foco prioritario na prevención de lumes e a posta en valor do territorio.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------