O deseñador Adolfo Domínguez, premio Ourensanía 2023

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 19 de outubro de 2023.-O xurado do Premio Ourensanía 2023, reunido hoxe no Pazo Provincial, acordou conceder o galardón da presente edición ao deseñador de moda Adolfo Domínguez. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O xurado, tras analizar diferentes candidaturas, seleccionou a proposta do modisto “como recoñecemento á súa traxectoria profesional” situando a Ourense no mundo da moda, pero tamén a súa faceta como “home de cultura”, pola súa dedicación á literatura. 

O xurado, baixo a presidencia de Luis Menor, estivo integrado por Patricia Torres, Maribel Outeiriño, Miguel Anxo Fernández, Luis González Tosar, Eva Torres, Afonso Vázquez Monxardín e Aurelio Gómez Villar como secretario, delegando o seu voto por ausencia Manuel Guede. 

Na mesma reunión, o xurado acordou conceder o Premio Ourensanía de Honra de 2023 a Xosé Ramón Fernández-Oxea, tamén coñecido como Ben-Cho-Shey (Ourense, 1896), escritor, mestre e investigador, ao redor de cuxa figura a Deputación de Ourense organizará actos e actividades ao longo do próximo ano. 

A Deputación de Ourense concede o Premio Ourensanía 2023 como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. 

Biografía de Adolfo Domínguez 

Adolfo Domínguez é o modisto galego máis premiado: Premio Nacional de Moda (Ministerio de Cultura 2019), “Aguja de Oro” (Ministerio de Cultura, 1997) ou Lifetime Achievement (Miami Fashion Week), entre outros galardóns. 

Empresario, intelectual, modisto e escritor, dedicou a súa vida profesional a desenvolver, desde Galicia, un grupo empresarial de moda con proxección internacional. A súa firma dispón hoxe do 59% dos seus 345 puntos de venda en 22 países e emprega a máis de 1.000 profesionais, na súa maioría nos servizos centrais de San Cibrao das Viñas (Ourense). 

Baixo a súa dirección, a compañía foi a primeira empresa de moda española en abrir tendas fóra de España (1980), a primeira en lanzar un perfume propio (1990) e tamén pioneira e decana en Bolsa (cotiza desde 1997). Tras propiciar a substitución xeracional cara ás súas tres fillas, na actualidade apoia desde o consello de administración a transformación da compañía cara a unha nova era, liderada pola súa filla maior, Adriana Domínguez, como presidenta executiva da compañía. 

Adolfo Domínguez Fernández naceu en Pobra de Trives (Ourense), no piso de arriba da primeira tenda que os seus pais abriron en 1950. Poucos anos despois a familia trasladouse a Ourense, onde inauguraron a xastraría O Faro e convertérona en referencia de moda home. En 1974, o seu pai (do mesmo nome) constituíu Adolfo Domínguez e Hijos SL, que transformou en 1976 en Adolfo Domínguez SA, a orixe da actual compañía. En 1984, en plena expansión internacional, lanza o lema máis coñecido da marca, “La arruga es bella”. 

Adolfo Domínguez sempre compaxinou a súa profesión de empresario e costureiro coa dedicación á escritura. En 2018 publicou a súa segunda versión da novela “Juan Grego”, que presentou no Instituto Cervantes e que desde entón levoulle a centrarse na divulgación e nos seus lectores, con máis de 200 presentacións en diferentes cidades españolas e doutros países.