O BNG de Cea rexeita a moción do PP de cesar a Villarino

A formación nacionalista de Cea califica esta moción como “absurda”, e din que “reflexa perfectamente o que por desgraza é esta provincia para o Partido Popular: un campo de xogo, válido únicamente para recoller votos”.


Para o BNG este non é un tema que se deba estar tratando na situación na que nos atopamos de alerta sanitaria, e cren que son os votantes os que teñen que decidir se as ideas e decisións de Villarino os representa ou non, recalcando que “xa tomarán eles as decisións que consideren oportunas, pero serán eles e non o BNG quen as adopte”. Segundo afirma a formación nacionalista, sería máis de interese cidadán poñer en marcha un plan estratéxico para a provincia, e en particular para o Concello de San Cristovo de Cea, “que carece de rumbo”.

AVANTAR ACTIVIDADES


En San Cristovo de Cea o número de autónomos e a poboación redúcense e a actividade comercial tamén. Dos máis de 5.000 habitantes que había a principios dos anos 90, están agora en 2.000. O crecemento vexetativo sempre é negativo, quedando xa pouco máis dun cento de autónomos. Para o BNG o correcto sería levar ó pleno medidas de reactivación coma desenvolver o polígono industrial paralizado, tentar a recuperación do agro ou dinamizar o comercio.

Para a formación, as axudas para reactivar a economía, que rondan os 600 euros, non serán a solución para os autónomos e pequenas empresas de Cea, aínda que recalcan que calquera axuda é ben recibida en malos momentos. O BNG confirmou co Secretario Xeral da Deputación Provincial que a cantidade dispoñible de fondos é suficiente para todos os solicitantes, independentemente de que fixeran a súa solicitude antes do prazo legal ou dentro do mesmo. Segundo o bloque nacionalista, Concello de Cea, na práctica, “non aporta nada neste senso”.

Por estes motivos, dende a formación queren recalcar que non queren formar parte nesta disputa e que non consideran que sexa o momento de poñer este tema coma unha prioridade habendo outros temas que preocupan ós veciños para o seu día a día. Por iso piden ó Partido Popular que “non fagan perder o tempo a este pleno e fagan propostan en positico para solucionar problemas e abrir portas á participación”.