Ribeiro en Común asegura que os orzamentos da Xunta “están cheos de promesas incumpridas” para Ribadavia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As partidas contempladas nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 non reflexan os compromisos adquiridos por parte das autoridades locais e autonómicas para Ribadavia, según a opinión de Ribeiro en Común. “Tampouco o resto da comarca do Ribeiro sae ben parada, coa ausencia total de investimentos moi necesarios en desenvolvemento rural, viticultura, industria, transportes, infraestruturas ou servizos públicos raquíticos”, subliñan dende esta formación política.

E entre as ausencias detectadas por Ribeiro en Común nos investimentos para a vila do Avia apuntan á dunha nova residencia de maiores e a apertura doutra ‘Galiña Azul’, así como a acometida dunha captación de auga no río Miño para o abastecemento do municipio. “O único investimento salientable é o que xa estaba comprometido en 2023 antes da chegada do PP ao Concello, 1,4 millóns de euros (incluíndo o que aporta o Concello) para a rede das Chabolas e A Groba”, indican dende este grupo da oposición municipal.

Tamén citan a ampliación do polígono industrial e as melloras necesarias nas vías de comunicación, coma son a estrada que comunica a rúa Progreso coa localidade de San Paio; a de San Cristovo e a ponte de San Francisco, que son responsabilidade da Xunta. “Tampouco se sabe nada de outras promesas do PP local: nin reforma de San Xés, nin praza do Cruceiriño, nin mellora das termas de Prexigueiro, nin mellora do campo de fútbol do Xestal, nin mellora dos colexios, nin melloras en infraestruturas culturais (ningún BIC)”, indican dende Ribeiro en Común.

Conclúen que, “o computo xeral dos investimentos para Ribadavia nestes Orzamentos 2026 da Xunta son moi negativos, e sobre todo cheos de promesas incumpridas do PP local, que en incumpre todo o prometido en eleccións, o que nos debería levar a reflexión cidadá de cal é a causa política de que ano tras ano O Ribeiro sexa o gran perdedor nos orzamentos autonómicos”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------