A Deputación concede axudas a 58 asociacións de veciños da provincia por un importe de 100.000 euros

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Foi un dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno desta semana, onde se mobilizaron preto de medio millón de euros en axudas a través de 9 expedientes

Ourense, 21 de outubro de 2025.

A Xunta de Goberno da Deputación desta semana vén de mobilizar preto de medio millón de euros (457.959,45 euros) en axudas a través de 9 expedientes aprobados esta mañá.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial, Luis Menor, deu conta dos acordos adoptados nunha rolda de prensa posterior, onde quixo destacar unha liña de axudas habilitada para as asociacións de veciños de toda a provincia. Son 100.000 euros para o funcionamento e mantemento de 58 asociacións veciñais, “convocatoria que manteremos e seguiremos impulsando pola importancia do movemento veciñal na nosa provincia”, explicou.

No tocante á cooperación cos municipios, seis foron os concellos beneficiarios esta semana de axudas da Deputación, por un importe total de preto de 300.000 euros (297.959,45 euros exactamente). Así, Castrelo de Miño, Cenlle, Piñor, Vilar de Santos, Vilariño de Conso e Cortegada obterán axudas para melloras en iluminación pública, en pavimentacións, en eficiencia enerxética e para novos equipamentos que acometerán estes municipios, tal e como sinalou o presidente provincial.

No que atinxe á colaboración con entidades, esta semana destináronse 62.400 euros ao Club de Fútbol Cented Academy para os seus gastos de funcionamento, así como para a Fundación Ramón González Ferreiro, para axudar na fase 2 da rehabilitación da granxa de Valverde que xestiona a Fundación Ramón González Ferreiro.

Tamén lembrou Luis Menor que mañá o goberno provincial presentará na Comisión de Facenda, e para o seu posterior debate no pleno de outubro, un expediente de modificación de crédito por un importe superior a 6,2 millóns de euros.

Modificación de crédito con criterios obxectivos

Explicou que practicamente a totalidade -máis de 6,1 millóns- foron distribuídos seguindo criterios obxectivos e homoxéneos, tal e como expecificou: para axudar aos concellos afectados pola vaga de lumes deste verán, atender os servizos municipais e responder a necesidades especiais de financiamento.

Tamén quixo deixar claro o presidente provincial que esta modificación “sitúase dentro das limitacións que impoñen as regras fiscais reactivadas polo Goberno central en 2024: Isto implica que dos 24 millóns de euros de remanente de tesourería xerado na institución provincial só poden utilizarse algo máis de 6 millóns”, recalcando que a modificación vai destinada exclusivamente aos concellos, xa que con este importe limitado polas regras fiscais “non é posible alcanzar outros ámbitos como a colaboración con entidades”. Precisamente, Menor lembrou que onte mesmo, na Comisión de Deputacións da FEMP no que participou representando á institución ourensá, reclamou este asunto como algo prioritario para as entidades locais e provinciais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------