O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO AMÓSASE “MOI SATISFEITO” TRAS APROBAR A LICITACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR E O CAMBIO DO CÉSPEDE DO CAMPO DE FÚTBOL DAS CARRELAS
Dende a agrupación socialista explican que, no caso do servizo de axuda no fogar, que levaba en precario máis de 3 anos, “conseguimos en tan só 3 semanas aprobar a súa licitación con toda a documentación preparada, cando o PP en 3 anos, e contando nun deles con maioría absoluta e con orzamentos aprobados, foi incapaz de licitalo”
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Con respecto ao campo de fútbol das Carrelas, Germán García-Ávila destaca que esta intervención “mellorará notablemente as condicións do terreo de xogo, permitindo un maior e mellor uso e aproveitamento destas instalacións municipais”
Viana do Bolo, 20 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo amósase “moi satisfeito” tras sacar adiante no último pleno extraordinario a apertura de licitación do contrato do servizo de axuda no fogar, así como a aprobación da apertura de licitación do contrato de instalación de herba artificial no campo de fútbol das Carrelas. As e os socialistas salientan que estas dúas actuacións “son de vital importancia para a veciñanza de Viana e a súa aprobación no pleno permitirannos cumprir con dúas cuestións que o PP foi demorando ao longo dos últimos anos”.
Dende a agrupación socialista de Viana do Bolo explican que, no caso do servizo de axuda no fogar, que levaba en precario máis de 3 anos, “conseguimos en tan só 3 semanas aprobar a súa licitación con toda a documentación preparada, cando o PP en 3 anos, e contando nun deles con maioría absoluta e con orzamentos aprobados, foi incapaz de licitalo”. Neste senso as e os socialistas destacan que “é unha gran nova que nos permite satisfacer antigas necesidades e demandas das traballadoras e traballadores do servizo, pero tamén dos usuarios e as usuarias”.
O voceiro da agrupación fai fincapé en que “ademais de satisfacer as demandas de traballadores e usuarios, tamén melloramos as condicións xerais e económicas do persoal do servizo de axuda no fogar”. Amósase “moi satisfeito coa aprobación que pon fin as reclamacións do persoal e tranquiliza aos usuarios, que seguirán recibindo o servizo nas mellores condicións”.
Outro dos puntos aprobados no pleno, coa abstención do PP, foi a apertura de licitación para o contrato de instalación de herba artificial no campo de fútbol das Carrelas, que conta cunha achega económica de 450.000 euros por parte da Deputación e o concello aportará outros 50.000. O voceiro socialista destaca que esta intervención “era importantísima”, posto que o actual céspede de herba natural estaba impracticable, especialmente nos meses de inverno, e coa instalación do céspede artificial “mellorarase notablemente as condicións do terreo de xogo, permitindo un maior e mellor uso e aproveitamento destas instalacións municipais”.
No pleno tamén tomou posesión como concelleiro do PSdeG-PSOE, Isaac Federico Pérez Vidueira que substitúe a Benigno Basalo Afonso, quen abandona o cargo por asuntos laborais.