O Grupo municipal nacionalista abandonou a sesión desta mañá acusando a Jácome de pervertir o debate e de “empregar a persoal externo á Corporación cando non ten argumentos políticos para rebatir aos do BNG”. Luís Seara sinala que “non é a primeira vez que acontece e non podemos permitilo”
Ourense, 01 de outubro de 2025. O Pleno extraordinario que o Concello de Ourense celebrou esta mañá transcorría con normalidade até que na segunda quenda de intervencións do segundo punto da orde do día, na que se debatía unha modificación de crédito para habilitar algo máis de 24 millóns de euros para o pagamento de débedas coas empresas concesionarias do Servizo da auga e da recollida de lixo, o secretario Xeral solicitou intervir para rebatir o argumento empregado na súa intervención polo Portavoz do BNG Luís Seara. Nese momento os nacionalistas abandonaron a sesión en protesta por algo que, “non é a primeira vez que acontece”.
Ao remate do Pleno, o Grupo municipal do BNG compareceu diante dos medios. O seu Portavoz Luís Seara sinalou que “se por algo se caracteriza o BNG é pola súa seriedade, polo seu rigor e tamén polo seu respecto á veciñanza. Nós somos Concelleiros e Concelleiras en virtude do apoio que nos deron as veciñas e veciños para representalos, e iso é o que pretendemos facer. Por iso non nos gusta tomar decisións como a de hoxe, pero eu creo que hai un momento no que hai que dicir que xa abonda”.
Seara argumentou o abandono afirmando que “nós vimos a debatir no Pleno do Concello cos nosos argumentos, que poderán gustar máis ou menos, pero son argumentos políticos e por tanto, non vimos a confrontar con ningún técnico e o que hoxe aconteceu parécenos grave porque primeiro revela a covardía do propio Alcalde que fronte á falta de argumentos para rebatir os nosos utiliza o seu primo de zumosol, que é o Secretario Xeral”.
“Non nos parece de recibo que se pretenda darlle voz para que confronte connosco politicamente” e engade, “nós cando temos que pedir unha precisión técnica pedímolo, para iso están os técnicos, pero para confrontar politicamente facémolo cos Portavoces ou cos Concelleiros e Concelleiras do resto dos Grupos”.
Para Luís Seara o acontecido “é unha perversión do debate político que nós non ímos tolerar e por iso nos parecía que hoxe tíñamos que dar ese golpe de enriba da mesa pois non é a primeira vez que acontece”.
Modificación de Crédito 5P/2025.
Igualmente, o Portavoz do BNG aproveitou para destacar que “hoxe tomouse unha decisión que marca un antes e un despois do que vai acontecer de aquí en diante en relación coa autoemenda do Goberno Local na Modificación 5P/2025. O propio Secretario xeral dixo cando lle preguntou unha Concelleira que a tramitación desta emenda era máis ou menos similar ou a mesma que para as mocións dos Plenos” e engade, “eu quero dicirvos que as Bases de execución do actual Orzamento que seguramente redactou a mesma persoa que di agora que unha modificación de crédito pódese emendar, din claramento o contrario”.
Luís Seara é contundente e afirma que “acaban de inventarse un novo procedemento e a partires de aquí nós vémonos lexitimados para presentar emendas a todos cantos expedientes de modificación de crédito veñan a debate e veñan á aprobación, e queremos ver con qué argumento se nos nega”.

















