O futuro Museo do Papel do Carballiño, ubicado na contorna do Parque Etnográfico do Arenteiro, acollerá o vindeiro martes, 4 de novembro, unha xornada de networking para reforzar o traballo asociativa e en rede das mulleres emprendedoras da provincia, fabricando así relacións entre emprendedoras do presente e do futuro. Esta iniciativa, coorganizada pola Deputación e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE), foi presentada esta mañá coa presenza da vicepresidente primeira, Marta Nóvoa, a presidenta e vicepresidenta de AJE, Noelia Rodríguez e Alba Ferro, respectivamente, e o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Esta xornada visibiliza o compromiso da institución provincial coas mulleres que emprenden na nosa provincia, tal e como explicou Marta Nóvoa, “un compromiso que se manifesta no noso programa EmprendOU, xestionado pola Área de Benestar, pero tamén en todas e cada unha das accións que perseguen o obxectivo de ser unha administración útil para as emprendedoras”. Lembrou ademais a vicepresidenta primeira que a Xunta de Goberno desta semana aprobou 74 iniciativas empresariais cuxas titulares son mulleres menores de 35 anos que crearon a súa empresa na provincia e que, cumprindo os requisitos de acceso, recibirán as axudas económicas de EmprendOU coa maior brevidade posible.
A xornada será aberta e poderase seguir tamén en liña desde calquera punto, “pois somos conscientes de que moitas emprendedoras non poden dispor dun día enteiro para asistir, como sen dúbida lles gustaría”, recalcou Nóvoa. “Queremos construír un espazo de colaboración e posta en común de dificultades, oportunidades, aprendizaxes, experiencias e visións de futuro de mulleres que optaron por crear unha empresa na provincia de Ourense, a maioría delas no ámbito rural”.
A xornada contempla a participación en mesas sectoriais de 30 mulleres que iniciaron a súa empresa en 30 concellos diferentes da provincia e que exporán a súa experiencia sobre o feito de emprender. Estas mesas completaranse coa achega de empresarias pertencentes a AJE, que compartirán a súa traxectoria, e cun obradoiro sobre como abordar a presenza dixital das novas empresas creadas.
“Agardamos que esta xornada sexa un novo elemento no camiño do traballo colaborativo, da creación de redes de emprendedoras e do fortalecemento do movemento asociativo empresarial; un camiño no que sempre atoparedes na Deputación de Ourense unha compañeira de viaxe, dispoñible para todo o que nos propoñades, co fin de que entre todas e todos fagamos provincia”, concluíu Marta Nóvoa. Pola súa banda, a presidenta de AJE, Noelia Rodríguez, agradeceu a colaboración nesta iniciativa e explicou que se realiza no Carballiño “para dar visibilidade ás emprendedoras que deciden emprender desde as comarcas, porque no rural hai futuro a través das persoas que queren desenvolver alí as súas actividades”.

















