A FCM-CIG ten convocadas mobilizacións nas sete cidades coincidindo coa xornada de paro de 24 horas ante a negativa da patronal a negociar
Galiza, 3 de novembro de 2025.
O persoal do sector da construción, tanto na obra pública como na privada, está chamado a unha xornada de folga este mércores 5 de novembro para reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais e permita avanzar naquelas condicións e materias que a día de hoxe están reservadas ao convenio estatal. A federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG ten convocadas tamén para ese día mobilizacións nas sete cidades ante a negativa da patronal a abordar esta posibilidade, malia que permitiría mellorar as condicións de traballo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A central sindical leva máis dun ano tentando reunirse co empresariado galego do sector e as respectivas asociacións provinciais para abordar a posibilidade de avanzar nun marco regulador galego, logo da modificación lexislativa que prioriza os convenios e acordos interprofesionais autonómicos sobre os estatais. “Ir a un marco galego permitiríanos blindar os convenios provinciais fronte aos ataques da patronal estatal e deixar de estar baixo o xugo da negociación en Madrid, que ten reservadas a maioría das materias de negociación e que topa calquera mellora que se pacte a nivel provincial”, tal e como sinala o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia.
Con este obxectivo, a central -como sindicato maioritario no sector en Galiza- dirixiuse por escrito ás catro patronais provinciais e á federación galega, FEGACONS, “pero só obtivemos a calada por resposta”. Unha actitude obstrucionista que levou a FCM-CIG a iniciar un calendario de mobilizacións e a tentar buscar un achegamento a través do Consello Galego de Relacións Laborais. “Para a nosa sorpresa, a postura da patronal foi vetar a presenza da CIG-Construción e do seu secretario nacional en calquera reunión para falar desta cuestión”, critica Valencia.
Considera esta actitude, que atribúe a unha postura persoal do presidente de FEGACONS, unha mostra de desprezo cara aos milleiros de persoas traballadoras da construción representadas pola CIG que, “por unha negativa irracional da patronal, se ven abocadas a ir á folga para que as súas demandas sexan escoitadas e para defender o dereito a negociar aquí as súas condicións laborais”.
Superar as limitacións na negociación e blindar os convenios
Avanzar nun acordo galego permitiría mellorar as condicións de traballo, superar as limitacións que impón a negociación do convenio estatal en Madrid e facer máis atractivo un sector “no que día si e día tamén, o empresariado se queixa da falta de man de obra”. Mais tamén sería positivo para a propia patronal, xa que a negociación das condicións laborais “non virían impostas dende Madrid e poderían ser as máis adecuadas ao marco territorial de aplicación”.
De feito, o propio empresariado quéixase nas comisións de negociación provinciais das imposicións pactadas en Madrid que son de obrigatoria aplicación, como os plans privados de pensións na construción, ou a existencia mesma da Fundación Laboral da Construción.
Ademais, un marco galego reforzaría a seguridade xurídica da negociación provincial, ao evitar o que aconteceu co convenio da construción de Pontevedra ou co de pintura da Coruña, que unha vez publicados foron impugnados pola patronal estatal por recoller melloras por enriba do marco estatal.
LUGARES E HORARIOS DAS MANIFESTACIÓNS
-A Coruña: dende o local da CIG ás 12:00h.
-Compostela: dende sede da CEG ás 12.30 horas.
-Ferrol: dende o edificio da Xunta ás 12:00h.
-Lugo: dende o local da CIG ás 11:30h.
-Ourense: dende a Casa Sindical ás 12:00h.
-Pontevedra: dende o local da CIG ás 12:00h.
-Vigo: dende Vía Norte ás 12:00h.
			

















