O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “total abandono” que sofre a aldea modelo de Osmo, en Cenlle, despois dun “despilfarro” de milleiros de euros públicos por parte dos gobernos do Partido Popular. As e os socialistas esíxenlle á Xunta, Deputación e concello que aposten por “unha verdadeira política de mobilidade de terras e investimentos en aldeas modelo ben planificadas na loita contra o abandono”.
O grupo provincial socialista desprazouse ata a aldea modelo de Osmo, na compaña dos compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE de Cenlle para coñecer de primeira man o “abandono” que sofre este proxecto impulsado pola Xunta de Galicia. “A día de hoxe atopámonos cunha aldea con tres edificacións en ruínas, chea de matogueiras e cun camiño apenas transitable por mor dunha vexetación que crece sen control ante o pasotismo e o abandono do proxecto por parte do PP”, denuncia o voceiro provincial, Álvaro Vila Araújo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Estamos ante un proxecto no que se investiron milleiros de euros públicos, pero cunha actuación arbitraria e sen planificar, que rematou por tornarse nun desastre ao quedar nun mero anuncio publicitario”, apunta Vila Araújo. O proxecto de aldea modelo iniciado no ano 2019 serviu en palabras das e dos socialistas para que “os diferentes cargos do PP viñeran facerse a foto”, pero tal e como apuntan “a realidade 6 anos despois é a do total abandono e da desidia absoluta”. Asemade subliñan que “no 2020, o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, veu inaugurar esta aldea modelo, que 5 anos despois é o vivo exemplo do abandono do rural”.
O PSdeG-PSOE de Ourense na Deputación considera que este proxecto “é o exemplo do fracaso das políticas do PP para ao rural” e sinala que “a ausencia de transparencia é total, pois o goberno galego leva anos agochando o investimento real nun proxecto que a día de hoxe está totalmente abandonado”. Asemade apuntan que “o que venderon como un proxecto pioneiro para Cenlle e a comarca, converteuse nunha zona “chea de vexetación, silvas e construcións derruídas, con saneamento e postes da luz, pero sen trazas de que algún día vaia a ser unha realidade”.
Cabe lembrar que no ano 2019 o goberno galego ao máis puro estilo “baltarismo” impulsaba unha adxudicación “a dedo” facturando por un lado 38.000 euros de execución e polo outro 11.600 en materiais para facer un contrato menor e adxudicalo de forma directa, para non exceder deste xeito os 40.000 euros. En 2020 asinaron un convenio para rehabilitar tres edificios tradicionais adquiridos pola Xunta, polo que o concello contratou o proxecto e licitou a obra, pero a finais de 2021 paralizouse polo abandono da empresa concesionaria.
Por outra banda, dende o PSdeG-PSOE de Cenlle acusan ao PP de ser “uns cínicos” ao falar da aldea modelo de Osmo como a primeira de Galicia, xa que segundo apuntan “a aldea non existe, nin hai previsións de que o proxecto se poña en marcha, tal e como pode comprobar calquera persoa que se achegue ata Osmo”.
As e os socialistas consideran unha “tomadura de pelo” que a conselleira de Medio Rural, a alcaldesa e outros cargos o PP “veñan a Cenlle vender fume”, respecto a un proxecto que tal e como explican “nin está, nin se lle espera”. Acusan ao PP de “mentir descaradamente sobre este proxecto, co único obxectivo de confundir a opinión pública e saír na prensa dando a imaxe de que fan algo e lles preocupa o rural”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Cenlle, María Ángela González, denuncia que ao PP, tanto no concello como na Xunta de Galicia “éncheselles a boca ao falar do rural, de aldeas modelo e de proxectos para o interior, pero a realidade é que nin hai proxectos, nin hai aldeas modelos, nin se realizan os investimentos necesarios para que o rural de concellos como Cenlle non esmoreza”.

















