César Fernández acorda co Instituto Cervantes un plan para impulsar globalmente o legado sefardí

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alcalde de Ribadavia e presidente da Rede de Xuderías de España, César Fernández, mantivo hoxe unha intensa axenda institucional en Madrid centrada na promoción do patrimonio sefardí e na creación de novas alianzas para incrementar a súa visibilidade internacional.

O encontro principal celebrouse co director xeral do Instituto Cervantes, Luis García Montero, con quen avanzou nun marco de colaboración estable destinado a relanzar a difusión mundial da cultura sefardí e fortalecer o papel de Ribadavia como referente histórico dentro da Rede

Durante a reunión, Fernández presentou ao director do Cervantes unha proposta global para potenciar o estudo, a divulgación e a proxección exterior do legado sefardí aproveitando a rede internacional de 87 centros que a institución ten en catro continentes. O obxectivo é que o patrimonio material e inmaterial das 21 cidades que integran a Red de Xuderías, entre elas Ribadavia, adquira unha presenza destacada nas programacións culturais, lingüísticas e promocionais do Cervantes tanto en España como no exterior.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Entre os acordos acadados, salientou a vontade do Instituto Cervantes de impulsar unha difusión reforzada e coordinada da cultura sefardí en toda a súa rede internacional, incluíndo accións culturais, exposicións, materiais divulgativos, contidos formativos e iniciativas editoriais. Tamén se abordou a creación dun fondo documental específico sobre cultura sefardí na Biblioteca Virtual do Cervantes, que integraría recursos proporcionados pola Red de Xuderías.

No ámbito cultural, ambas partes estudaron a organización dunha gran exposición itinerante sobre os “Caminos de Sefarad”, que percorrería centros do Cervantes en cidades como París, Londres ou Chicago, así como a incorporación de ciclos de cine, documentais e música vinculada á tradición sefardí á programación anual da institución. O Instituto amosou ademais a súa disposición a integrar a promoción das cidades da Red en eventos internacionais e a colaborar na tradución e edición das súas guías turísticas en idiomas estratéxicos como inglés, francés, alemán ou hebreo.

César Fernández destacou que este novo marco de colaboración supón unha oportunidade extraordinaria para Ribadavia: “Este acordo co Instituto Cervantes abre a porta a unha proxección global sen precedentes. Falamos de situar Ribadavia nun escaparate internacional a través dos 87 centros do Cervantes, de atraer turismo cultural de alto valor e de reforzar o noso papel dentro da historia e do patrimonio sefardí”.

Para garantir a eficacia da cooperación, ambas partes acordaron solicitar o nomeamento dun coordinador específico no Instituto Cervantes que actúe como enlace directo coa Presidencia da Rede de Xuderías, así como a creación dun sistema de seguimento semestral para avaliar o impacto das accións e planificar novos pasos.

A xornada completouse con encontros co director xeral do Centro Sefarad, José Thobar, e co presidente e a directora xeral da Federación de Comunidades Xudías de España, David Obadía e Carolina Aisen. Todas estas reunións serviron para afianzar as relacións institucionais necesarias para seguir avanzando na posta en valor e na difusión dun legado que converte Ribadavia nunha das súas expresións máis vivas e recoñecidas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------