César Fernández proxecta a Ribadavia en París como referente do patrimonio sefardí en España

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Xuderías de España, César Fernández, participou hoxe en París no Summit de Alcaldes para a promoción da cultura sefardí, un foro internacional que reuniu a máis de 150 representantes municipais europeos – entre eles a propia alcaldesa de París, Anne Hidalgo -, institucións culturais e organismos especializados na preservación da memoria sefardí. O encontro permitiu afondar na cooperación entre cidades con patrimonio xudeu histórico e reforzar a posición de Ribadavia como referente neste ámbito.

A xornada iniciouse cun espazo de benvida e diálogo entre as delegacións participantes, no que Fernández puido intercambiar impresións con responsables municipais, cargos culturais e representantes de entidades europeas vinculadas á conservación e divulgación do legado sefardí. Este primeiro achegamento permitiu avanzar en ideas e iniciativas conxuntas orientadas á creación de proxectos culturais compartidos, programas formativos e novas vías de promoción turística.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xa pola noite, durante a recepción oficial de apertura, o alcalde puido compartir ante responsables institucionais franceses e europeos o papel histórico de Ribadavia dentro da tradición sefardí e o traballo que a vila desenvolve na actualidade no marco da Red de Xuderías. Fernández subliñou a importancia de fortalecer alianzas internacionais que permitan “abrir novas portas para o intercambio cultural e a difusión dunha herdanza que forma parte esencial da identidade europea”. A súa intervención foi ben acollida nun espazo marcado polas mensaxes de solidariedade, recoñecemento e compromiso co patrimonio cultural común.

A participación neste foro en París completou a intensa axenda institucional iniciada onte en Madrid, onde o alcalde mantivo reunións clave co Centro Sefarad, a Federación de Comunidades Xudías de España e, de xeito destacado, co Instituto Cervantes. Neste último encontro, celebrado co director xeral, Luis García Montero, avanzouse nun marco estable de colaboración que permitirá reforzar a difusión internacional da cultura sefardí a través da rede global de centros do Cervantes. Entre as liñas consensuadas destacan a creación dun fondo documental específico sobre cultura sefardí na Biblioteca Virtual, a organización dunha exposición itinerante sobre os “Caminos de Sefarad” en sedes culturais internacionais e o impulso á tradución e edición de materiais turísticos da Red en varios idiomas.

Fernández destacou que esta cooperación supón “unha oportunidade extraordinaria para situar Ribadavia nun escenario internacional de primeiro nivel, atraer novos fluxos de turismo cultural e consolidar o noso papel como referente histórico na memoria sefardí”. As reunións mantidas tamén serviron para fortalecer a coordinación con outros organismos e para avanzar en novas iniciativas formativas e de divulgación vinculadas á historia xudía peninsular, todo elo con repercusión en Ribadavia.

Co peche dos actos en París, Ribadavia retorna cun reforzo claro na súa posición internacional e cunha folla de ruta compartida con institucións europeas que permitirá seguir impulsando proxectos culturais de alto valor para o municipio. O Concello reafirma así o seu compromiso coa preservación e promoción dun legado que continúa a ser unha das súas expresións patrimoniais máis valiosas e recoñecidas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------