O Psdeg-Psoe de Laza nega que detrás da denuncia ao alcalde ante a inspección de traballo e a seguridade social por posible fraude ao erario público haxa cuestións persoais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Juan Ramón Álvarez explica que a súa actuación como concelleiro “limitouse estritamente a cumprir coas miñas obrigas de supervisión e control, tal e como establece a lexislación vixente en materia de administración pública”

“A comunicación realizada ante a inspección de traballo e a seguridade social non responde en ningún caso a ataques persoais, senón ao deber institucional de velar pola legalidade, a transparencia e o uso adecuado dos recursos públicos”, destaca

Laza, 18 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE Laza sae ao paso ante as recentes manifestacións realizadas polo alcalde do municipio, José Ramón Barreal, trala denuncia presentada polos dous grupos da oposición ante a inspección provincial de traballo e a Seguridade Social por un posible fraude ao erario público, así como pola incompatibilidade nas percepcións económicas que recibe o concello, cando é perceptor dunha pensión por incapacidade total permanente.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

O voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, explica que a súa actuación como concelleiro “limitouse estritamente a cumprir coas miñas obrigas de supervisión e control, tal e como establece a lexislación vixente en materia de administración pública”. Neste senso, o edil socialista tamén pon de manifesto que a comunicación realizada ante a inspección de traballo e a seguridade social “non responde en ningún caso a ataques persoais, senón ao deber institucional de velar pola legalidade, a transparencia e o uso adecuado dos recursos públicos”.

“Rexeito rotundamente as afirmacións do rexedor que presentan estas actuacións como un conflito persoal”, afirma Álvarez Álvarez que tamén apunta que  “o meu deber como representante público é garantir que todas as situacións poden requirir que unha revisión legal sexa trasladada aos órganos competentes, sen prexuízos, sen animadversión e sen emitir xuízos públicos sobre ningunha persoa”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Laza tamén fai fincapé en que “o meu compromiso continúa sendo o de traballar con responsabilidade, respecto e transparencia en beneficio de Laza e da súa veciñanza”.

As e os socialistas de Laza reafírmanse en que agora son os organismos competentes os que “deben determinar a existencia ou non de irregularidades” e subliñan que este tipo de procedementos “son habituais e forman parte do funcionamento democrático de calquera administración”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------