O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta nova convocatoria de axudas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Consellería do Medio Rural
Beneficiará os alumnos de infantil de segundo ciclo, primaria e secundaria poñendo á súa disposición produtos naturais dunha excelente calidade nutricional co obxecto de que adquiran hábitos de consumo saudables
Os centros escolares que queiran participar nos programas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 20 de setembro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da Consellería do Medio Rural que regula o procedemento para a concesión das axudas destinadas a subministrar froita fresca, castañas e leite ao alumnado dos centros escolares galegos durante o curso 2022-2023. A convocatoria conta este ano cun orzamento superior aos 1,1 millóns de euros.
Cada ano, miles de alumnos galegos consumen froita e leite durante o recreo nos centros escolares onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural. En concreto, as achegas dispoñibles para o vindeiro curso escolar superan os 500.000 euros no apartado do leite e os 600.000 euros no caso da froita.
Haberá dous períodos de repartición autorizados, de novembro de 2022 a febreiro de 2023 e de marzo a xuño do ano que vén. En cada período, a distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo durante 10 días lectivos consecutivos, mentres no caso do leite líquido terá lugar durante un mínimo de 20 días lectivos seguidos. Os centros escolares participantes teñen que desenvolver os dous programas de repartición: o de froitas frescas e castañas e o de leite.
O prazo para presentar as solicitudes de axuda remata o vindeiro 20 de setembro. Poderán acceder a elas os centros escolares de educación infantil, primaria e secundaria (incluíndo a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio).
A través desta liña de subvencións, a Consellería do Medio Rural pretende potenciar o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro. Fomentarase a distribución de produtos galegos, que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co medio ambiente