O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción na que solicita un acordo do pleno da Corporación para “a elaboración, por parte dos servizos técnicos municipais, dun plan de arranxo das moitas zonas inundables do Carballiño”. Dende esta formación política lembran que “hai xa case tres anos que se trouxo a este mesmo salón de plenos unha moción de Espazo Común para desenvolver un Plan de Prevención de Zonas Inundables, daquela todo foron xustificacións e a tan manida frase de ‘xa estamos traballando niso'”.
“Transcorrido o tempo a única explicación lóxica ao que acontece é que o goberno PPSOE ten un plan segredo para converter o Carballiño nalgo semellante a Venecia”, engaden, xa que “non é nin medio normal que con cada obra que acometen haxa máis rúas e máis áreas que sofren anegamentos en canto chove un chisco”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ao respecto, citan exemplos como a Avenida do Balneario, as rúas Costa Rica, Eusebio Lorenzo e Evaristo Vaamonde ou a Avenida do Arenteiro, na que fan unha mención especial da “última obra do Parque para “solucionar” o problema do anegamento da área de aparcamento preto das Barcias e que, lonxe de arranxar nada, coas últimas choivas uniu o río” con esta vía de comunicación parella ao cauce do Arenteiro.
Dende Espazo Común tamén mencionan outros casos como o Parque Empresarial, a Avenida Compostela, a rúa Calvo Sotelo e o túnel que une a Avenida 25 de Xullo coa rúa Testeiro.

















